Os apreciados viños Amandi que se colleitan tamén nesta parroquia e as fermosas vistas sobre o río Sil serían un motivo suficiente para visitar este lugar, no que ademais atoparemos importantes obras arquitectónicas.
A igrexa de Lobios é unha interesante mostra do románico rural, con elementos de transición e oxivais. A súa construción data do século XIII. A sancristía, sen embargo, é posterior e a espadana é barroca, do 1806. Os materiais empregados na súa construción son perpiaños de granito moi regulares.
Antes desta igrexa había un mosteiro visigodo do século X. Actualmente o topónimo mosteiro consérvase aínda nun barrio desta parroquia.
Moi pretiño da igrexa está a capela da Raíña dos Anxos. Esta capela está ligada a unha fermosa lenda. Segundo conta esta unha moza do lugar rouboulle unha cadea de ouro a una moura, esta inmediatamente se transformou en serpe. A rapaza, que lle ía escapando, ó pasar por diante da capela encomendouse á Virxe e a serpe adquiriu de novo a figura humana.
Entre a igrexa e a capela hai un interesante cruceiro á marxe dereita da estrada que une a capital do municipio con Doade.
|