A historia de Sober, municipio do sur lucense pertencente á Comarca de Lemos, está marcada, en gran medida, pola súa estratéxica posición xeográfica, sobre todo, como encrucillada de camiños cara ás veciñas terras de Ourense. As ordes monásticas asentadas nas ribeiras do río Sil e a familia dos López de Lemos, señores de Sober, Ferreira de Pantón e Amarante marcarán en boa parte o acontecer histórico deste municipio.
A fertilidade dos campos de Sober deu lugar a que desde antigo fosen considerados como os mellores solos agrícolas de Lemos e a este respecto acuñouse o famoso proverbio popular que di: Terrón por terrón, vaite a Pantón, e se che dan a escoller, vaite a Sober, recollido, entre os autores Otero Pedrayo e Amor Meilán. Esta riqueza das terras de Sober deu lugar a que, na época medieval, fosen codiciadas por señores feudais e mosteiros, debido á súa rica produción.
 |
Santuario Cadeiras
|
As primeiras noticias escritas nas que se fala de Lemos -zona que conforma a unidade territorial ben definida no sur da provincia de Lugo e na que se engloban os concellos de Sober, Pantón, Monforte, Bóveda, Saviñao e Brollón- débense, sobre todo, ó naturalista romano e procurador, no ano 73 d. de C. da Hispania Citerior, Plinio el Viejo. Este, no seu Naturalis historia, cita ós Lémavos como unha tribo asentada na actual Comarca de Lemos, cuxa capital se fixa no Castro Dactonium, o actual Monforte. O xeógrafo grego Ptolomeo complementa e confirma, con posterioridade, os datos aportados por Plinio sobre os pobos que habitaban Galicia no século II d. de C.
 |
Petróglifo de Proendos
|
En Sober, as ribeiras dos ríos Cabe e Sil, ó igual que noutros puntos da nosa xeografía, foron centros de atracción nos que se asentaron esas primeiras tribos de cazadores que chegaron a Galicia. Restos deixados por estes homes neolíticos en terras soberinas localízanse en Bolmente, Anllo, Brosmos, Doade, Figueiroá, Pinol e Proendos.
Nestes lugares aínda se poden ver restos de mámoas, construcións sepulcrais da época megalítica formadas por un dolmen cuberto por un montículo de terra de planta circular duns cinco metros de altura.
 |
Peto ánimas de Canabal
|
Na época da prehistoria de Sober tamén se encadran as denominadas insculturas rupestres ou petróglifos. Con este nome coñécense os numerosos conxuntos de gravados ó aire libre que se reparten pola xeografía galega. Aínda que presentan unha variada gama tipolóxica, o tema máis característico e que lle confire á arte rupestre galaica unha personalidade diferenciada é o das combinacións circulares, co seu amplo e complexo espectro, segundo afirman os investigadores Peña Santos e Vázquez Varela..
En Sober consérvase un bo número de petróglifos, a maioría deles en Proendos e tamén nas parroquias de Figueiroá e Milán. Todas estas insculturas rupestres pertencen á tipoloxía das combinacións circulares. O seu significado non está claro, aínda que se lles atribúe un simbolismo máxico-relixioso. Cronoloxicamente esta manifestación artística fíxase na idade de bronce entre o ano 1800 e o 1700 a. de C.
|