O espazo natural máis importante fórmao a garganta fluvial do Sil. As paredes graníticas enmarcan o curso do río en profundidades de ata 500 m respecto ás plenichairas circundantes formando o que se coñece como Canóns do Sil. O sector central destes canóns aparece incluído no Inventario de Espazos Naturais elaborado pola Xunta de Galicia. Actualmente existe un fácil acceso a este lugar debido á gran cantidade de pistas e camiños que se fixeron no seu medio, aínda que para salvagarda-la conservación deste singular espazo sería desexable que se puxese un especial coidado nesta práctica a partir de agora.
 |
Polo que se refire á fauna cabe destacar que existen ricas comunidades herpetólogas, como por exemplo a cobra viperina, a cobra rateira, a cobra de escaleira, a cobra lisa europea, a cobra de auga, eslizón, lagarta e lagarto verdinegro. Encontrámo-lo lobo ibérico e é abundante o porco bravo; son frecuentes a londra, o porco teixo, a xineta, o esquío, o corzo, o raposo, a garduña, a donicela, o ourizo cacho, a toupa, a musaraña, o gato montés e outros pequenos mamíferos. Algúns mamíferos como o lobo –que antano criaba prolificamente no monte de Bolmente- apenas aparecen esporadicamente empurrados pola falta de alimentos e pola presión do home. Outros, como o gato montés, son moi fuxidíos e adoitan vivir en zonas de difícil acceso.
As aves rapaces volven poboar como azor, o falcón, o gabián, o rateiro común, o miñato, o lagarteiro, o aguiacho cincento e pálido, e con aves nocturnas como o bufo real, o bufo chico, o moucho das orellas, o moucho común, autillo e a curuxa común e campestre. No inverno aparecen concentracións de aves acuáticas tales como patos mergulladores, a garza real e o corvo mariño. Podemos contemplar outras moitas aves como a cegoña branca, o alcaudón real, o corvo, choia, a gravilla, a pega, o cuco, a bubela, o ouriolo, a rula, a pomba torcaz, o paspallás, a perdiz, o merlo, o peto, o reiseñor, o xílgaro, e un longo etc. de paxaros.
 |
Estas terras enmárcanse na conca do Sil, que xunto co Cabe actúan de límites municipais polo sur e polo oeste. Moitos outros arroios recorren estas terras entre os que destacan o Camilo, o Acea, o San Mateo, o Lampaza, o Sante, o Fervedón, o Regato das Lamas, o Pousavedra e o regato de Portizó que conta cunha caída de máis de 250 m.
|