Parroquia dunha notable beleza paisaxística, con vistas ás ribeiras do Sil e do Cabe e punto ademais de encontro entre estes dous ríos no lugar coñecido como A Barca.
Dentro da rede hidrográfica destaca tamén o regato de Portizó, que albergou infinidade de muíños. Ata non hai moito algúns deles aínda eran utilizados polos veciños desta parroquia.
Conta a tradición que neste lugar de Portizó existiu en tempos un priorado, do que hoxe só se conserva a casa, e nela pódese ver unha inscrición do ano 1669.
Nesta parroquia, no lugar de Castinande, naceu a finais do século XVIII o afamado pintor Juan Bernardo Pérez de Castinande. Parte das súas obras aínda se conservan en numerosas casas grandes do municipio, entre elas a casa rectoral de Anllo.
|