Doade é unha parroquia eminentemente vinícola, pertence á subzona de Amandi. É a máis grande e a máis oriental das parroquias do municipio de Sober, tamén a máis afastada da capitalidade aínda que está moi ben comunicada con esta. A estrada LU-601 cruza este municipio unindo Monforte con Castro Caldelas.
Por aquí pasou na época dos romanos a Vía Nova, que unía Braga con Astorga, tal como relata Germán Vázquez: “entre los caminos accesorios, la existencia de uno entre Castro Caldelas a Praesidium, centro de la gran arteria estratégica o Vía Nova de Braga a Astorga, hacia Monforte, después de pasar el Sil por la Barca de Paradela”. Esta ponte, hoxe sepultada polas augas do encoro de Santo Estevo, xa figuraba nas notas de Plinio e Ptolomeo sobre Gallaecia. Dicir, por último, que parte desta vía romana aínda se conserva.
A presenza dos celtas nesta parroquia queda tamén constatada coa existencia de numerosos castros, outeiros e croas.
Tamén se conserva o edificio dun priorado. Desta parroquia é oriúnda a familia Martínez-Anido, ligada durante moito tempo á política española.
|