Canaval está situada á marxe esquerda do río Cabe. Esta parroquia foi tradicionalmente a máis industrial do municipio, debido en parte á existencia dunha estación de ferrocarril e á abundancia de barrais que aportaron abundante materia prima ás tres cerámicas que existiron nesta localidade. A última desapareceu no nadal de 1994.
Actualmente as poucas empresas que hai son familiares. Sen embargo continúa sendo, despois da capitalidade do municipio, a parroquia con máis servizos. É a parroquia mellor comunicada xa que posúe un enlace coa N-120 e tres trens paran diariamente na súa estación. Conta tamén coa única praia fluvial do municipio.
A súa igrexa aparece relacionada co mosteiro de San Pedro de Valverde no século XII, máis tarde coa Orde do Temple e posteriormente coa Casa de Lemos. O edificio, de planta rectangular, con ábsida tamén rectangular e sancristía pegada pola cara norte, foi restaurado no século XVIII. Da anterior igrexa románica quedan algúns restos, tanto no interior como na fachada principal.
Nos arredores do pobo de Campo Rairo houbo un campamento romano que controlaba a entrada ó Val de Lemos.
|