|
 |
LENDAS |
PROENDOS · As Lendas da Tapada do Almestro

AS LENDAS DA TAPADA DO ALMESTRO
Hai moito tempo –a data precisa esmoreceu na memoria da xente– alá na tapada do Almestro de Sober o Vello, andaba un rapaz co gando. Atopábase entretido, labrando cunha navalla nun pao de salgueiro, cando viu xurdir dun penedo unha fermosísima rapaza de cabelo louro. Era tal a beleza e a gracia da súa figura mentres camiñaba cara ó regato a coller auga nunha ola, que o rapaz ficou namorado ó instante.
De volta, oíuna pronunciar, coma se de ladaíña se tratase, bisbantes e inintelixibles palabras cara á pena que abriu e pechou tras dela por arte de encantamento.
O namorado non lle contou a ninguén o sucedido e, louco por volver vela, volveu alí moitas veces sen obter o desexado.
Mais, nunha tardiña, co sol navegando entre lusco e fusco, mentres a auga do rego esvaraba preguiceira entre os muíños e as vacas, xa pola fresca, aproveitaban o pasto, a pena abriuse de novo saíndo a fermosa co cántaro na cabeza. Decatouse ela da presencia do mozo e, sentando á súa beira, contoulle con infinda tristura a malfadada historia da súa desgracia.
- Aquí estou enfeitizada –díxolle– por non atender as mal intencionadas proposicións dun mago; encerrada para sempre nesta cova, entre tanto ouro como collería en tres arcas grandes das uvas. Só me libraría do meigallo se atopase a alguén que fixera o que eu lle dixese.
- ¡Fágoo eu! - respondeu o mozo sen dubidalo.
- Pois aténdeme ben: Cando a lúa chea se poña enriba do monte do Espiño –dixo acenando cara alá con voz doce e misteriosa– aparecereiche, convertida nunha serpe, facendo moito ruído, canto máis ruído faga máis ouro traerei comigo. Para desfacer o feitizo tes que cuspirme na cabeza; daquela recuperarei a liberdade, casaremos e viviremos ricos e ledos.
Así llo prometeu el, e namentres chegaba a hora de volver co gando para a casa, fixeron moreas de plans para o futuro. Chegou o día. A lúa asomou tinxindo de prata o monte. O rapaz agardaba. De súpeto do penedo xurdiu a serpe facendo tanto ruído que o rapaz amedrentouse e fuxiu cara á casa sen atreverse a volver.
Di a Carme da Pena, que lle contaba a súa avoa ter oído cara ó rego de Bao laiarse a unha rapaza; e hai quen aínda hoxe di que cando a lúa chea asoma a faciana polo monte do Espiño, óese un bruído de carrolas axitadas, como se a moura –porque moura é- agardase a un mozo namorado para quen o amor sexa máis forte có medo.
*Carmen da Pena de Proendos--- Proendos--- 2-IV-2000.
|
|
|
|
|
|