|
 |
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER E AS XUVENTUDES MUSICAIS TRAEN Á LOCALIDADE O CONCERTO DE ACORDEÓN DO DÚO ÉIRE ‘REFLEXOS FOLCLÓRICOS’

No marco da Primavera Musical, o Concello de Sober e as Xuventudes Musicais da localidade ofrecen un concerto de acordeón do Dúo Éire, formado por Marta Cubas Hondal e Elisa Ruiz Ibarlucea. O espectáculo, de balde, leva por título ‘Reflexos Folclóricos’ e será o día 25 de maio ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.
Este programa presenta composicións cun sólido lazo co folclore, xa sexa ao estar inspiradas directamente nas tradicións musicais de diversas rexións ou ao explorar a dualidade entre o contemporáneo e as raíces. Pezas como as de Manuel de Falla ou Francisco Escudeiro exhiben trazos específicos da tradición musical de diferentes rexións españolas, incorporando escalas, intervalos ou ritmos característicos. Doutra banda, algunhas obras destacan por diferenciar claramente a música tradicional e a contemporánea, integrando escintileos folclóricos na súa esencia, tal e como se aprecia na obra de Brais Novoa ou Iñaki Carcavilla.
O Dúo Éire, formado por Marta Cubas Hondal e Elisa Ruiz Ibarlucea, xurdiu no ano 2019 dentro das instalacións de Musikene – Conservatorio Superior de Música do País Vasco, lugar que viu crecer a ambas, individualmente e como dúo. Desde ese momento compartiron moitas horas de traballo conxunto, o que se viu reflectido no XIII Concurso de Música de Cámara da Cidade de Ávila, onde obtiveron o primeiro premio no ano 2023. Anteriormente tamén foron galardoadas no V Concurso de Interpretación para Estudos de Acordeón Aris do Porto, con 1er Premio na categoría de música de cámara.
Ademais disto, é un dúo que mantén unha estreita relación con compositores do panorama musical actual. Recentemente estrearon unha obra composta expresamente para elas, titulada ‘Borina’, de Iñaki Carcavilla Garasa, e pronto estrearán obras de Brais Novoa, Carcavilla, Juan de Dios Ruiz, e Lorenzo Sorgi, compostas a través dun traballo moi estreito entre os compositores e as intérpretes. Recibiron masterclasses de músicos destacados como Veli Kujala, Stefan Hussong, Marko Sevarlic, Iñaki Diéguez, Philippe de Ezcurra, Miren Iñarga e Iñaki Alberdi, entre outros.
Programa:
Iñaki Caracavilla Garasa: A boca d'anuei *
Iñaki Caracavilla Garasa: Borina *
Juan de Dios Ruiz Racero: Acormedión **
Manuel de Falla: Serenata Andaluza
Brais Novoa Loira: Título por determinar **
Francisco Escudeiro: Concerto Vasco para Piano e Orquestra (arr. Elisa Ruiz).
|
|
|
|
|
|