|   | 
  | 
| NOVAS | 
 
O CONCELLO DE SOBER PROMOVE ACTIVIDADES FORMATIVAS GRATUÍTAS ONLINE DIRIXIDAS A TRABALLADORES OCUPADOS, PARADOS, AUTÓNOMOS OU EN SITUACIÓN DE ERTE 
 
 
  
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, vén de asinar un convenio de colaboración con Foro de Formación y Ediciones S.L. para a difusión de actividades formativas dirixidas a traballadores ocupados, parados, autónomos ou en situación de ERTE. Este mes de decembro hai 38 cursos a disposición das persoas interesadas, aos que seguirán novas propostas nos meses sucesivos. 
  
O Goberno local subscribe este acordo co propósito de mellorar as competencias profesionais e a inserción laboral dos veciños e veciñas a través da realización de actividades formativas online de carácter gratuíto enmarcadas no ámbito da formación profesional para o emprego. 
  
O Concello de Sober comprométese a divulgar e publicitar as accións formativas pactadas co Centro de Formación entre os colectivos de traballadores que cumpran cos requisitos de matriculación. O Centro é o encargado de impartir as actividades, de carácter subvencionado, e de expedir os correspondentes diplomas. 
  
Os cursos que se ofertan este mes de decembro pódense consultar na web https://www.forodeformacion.org/cursos-gratuitos/. Os sectores sobre os que xira a formación teñen que ver coa agricultura e gandería, sector de industrias de alimentación e bebidas, sector da construción, de servizos medioambientais, sociosanitarios ou relacionados coas novas tecnoloxías, entre outros. Teñen unha duración de entre 20 e 210 horas, en función do curso. 
  
 Título 
Os alumnos recibirán un título homologado pola FUNDAE que acredita a superación do curso e o número de horas que realizaron. A acción formativa será supervisada polo  SEPE, o que avala a garantía e o rigor do ensino que cursarán os alumnos e alumnas rexistrados. 
  
Inscrición 
As persoas interesadas en anotarse nos cursos deberán chamar ao Concello de Sober (982  46 00 01) en horario de 09:00 a 14:00 horas. A orientadora laboral do Concello está a disposición das persoas interesadas en anotarse para axudarlles cos trámites. 
  
Para aquelas persoas que non teñan acceso a Internet o Goberno local pon á súa disposición a aula de informática con conexión gratuíta. 
  
 
  
 |   
 |  
| 
 |   
 | 
 
 
 | 
 
  |