|
 |
NOVAS |
A BANDA DE MÚSICA DE SOBER LANZA UNHA PEZA COA QUE ENCHER OS FOGARES DE ESPERANZA

A Banda de Música de Sober lanza hoxe unha peza coa que pretende encher os fogares de esperanza nestes momentos duros que estamos a vivir tras declararse a pandemia mundial por coronavirus.
A Banda de Música de Sober estrea canle de Youtube con esta peza e co concerto que fixeron co grupo local Os Parentes o pasado ano. O vídeo, que tamén vai ser distribuído nas redes sociais da formación e do Concello de Sober, forma parte dunha comedia musical na que a canción ‘This is me’ foi gañadora dun Globo de Ouro.
O director da Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro, explica que se trata dunha canción “esperanzadora, que te enche de boas vibracións neste tempo de dificultades”.
“Pareceunos unha fermosa canción que evoca os tempos mellores que virán despois desta crise”, resume.
O director da Banda de Música de Sober explica que lle fixo á formación a proposta de gravar a distancia, aínda que houbo xente que non puido participar porque estaba traballando fóra ou estudando e non dispuñan dos instrumentos. Os que puideron colaborar mandaron os vídeos desde as súas casas, que despois Franqueiro montou con medios propios e moitas horas de traballo e arranxos para obter o mellor resultado final posible, tendo en conta as circunstancias.
Asegura que foi unha experiencia enriquecedora, non só polo resultado final, senón porque é unha forma de que os músicos sigan tocando, de manter o contacto con eles e de que se visualice que “nada debe apagar a nosa música”.
Enlace:
https://www.youtube.com/watch?v=1MVP_JxO7CA&feature=youtu.be
|
|
|
|
|
|