|
 |
NOVAS |
UN VECIÑO DE TELLEIROS CÉDELLE AO CONCELLO DE SOBER 20 MÁSCARAS QUE EL MESMO ESTÁ ELABORANDO COAS SÚAS IMPRESORAS EN 3D

Un veciño de Telleiros, Héctor Suárez, vén de ofrecerlle ao Concello de Sober a doazón de 20 máscaras de protección que o Goberno local destinará ás auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao persoal de Protección Civil que estes días fai o reparto de produtos básicos a veciños e veciñas.
O soberino dispón de dúas impresoras en 3D que normalmente emprega para fabricar pezas para drons e que agora, unha vez decretada a alerta sanitaria e a situación de emerxencia, decidiu destinar a fabricar máscaras de protección autorizadas por Sanidade para protexerse do coronavirus.
Héctor Suárez explica que as dúas primeiras pezas serán para os seus familiares que traballan na rama sanitaria e as 20 seguintes para o Concello de Sober. Tras esta primeira remesa pensa seguir imprimindo máis máscaras para os hospitais ou sanitarios que as precisen.
O Concello de Sober agradece este gran xesto do seu veciño, que ademais de imprimir as máscaras en 3D as preparara coas gomas e elementos precisos para o seu uso. A máscara cubre todo o rostro, desde os ollos ata debaixo do queixelo.
“É un novo xesto que, ao igual que o da empresa Pulviplass Ibérica cedendo as sulfatadoras, demostra o solidarios que somos en Sober e que todo o mundo está a arrimar o ombreiro”, precisa o rexedor, Luis Fernández Guitián.
|
|
|
|
|
|