|
 |
NOVAS |
BENEDICTA SÁNCHEZ SERÁ A PREGOEIRA DA XL FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

O Concello de Sober segue dando a coñecer todos os detalles sobre a XL Feira do Viño de Amandi, que este ano se vai celebrar os días 18 e 19 de abril. Así, vén de anunciar que a pregoeira será a actriz lucense Benedicta Sánchez, recentemente galardoada co premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel na película de Oliver Laxe ‘O que arde’.
O Goberno local precisa que Benedicta “é unha muller do mundo rural que perfectamente identifica ás mulleres de Sober que traballan na viña e na adega na procura dun viño que solo se consigue a base de traballo, traballo e traballo”.
“Por todo o que sabemos dela e da súa traxectoria Benedicta é unha muller loitadora e parécenos que encarna uns valores que, ademais de identificar ás mulleres de Sober, son valores que é importante transmitir ás xeracións vindeiras, por iso agradecemos a súa presenza na feira deste ano”, explica o rexedor, Luis Fernández Guitián.
“A muller é imprescindible na viticultura de Amandi e Benedicta representa perfectamente a esa muller heroica”, engade.
Benedicta Sánchez ofrecerá o pregón da XL Feira do Viño de Amandi o domingo 19 de abril ao mediodía.
|
|
|
|
|
|