|
 |
NOVAS |
O CONCELLO E ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS DE SOBER ACORDAN CELEBRAR UN EVENTO ANUAL QUE POÑA EN VALOR O TRABALLO DESTE COLECTIVO E O SEU IMPACTO POSITIVO NO MUNICIPIO

Con motivo da celebración do Día da Muller Rural, o 15 de outubro, o Concello de Sober en colaboración coas asociacións de mulleres rurais do municipio veñen de acordar nunha reunión celebrada no Consistorio a creación dun evento no que se poña en valor o traballo da muller no rural e o seu impacto positivo no Concello de Sober.
O asentamento da muller no medio rural é factor fundamental para o reto demográfico que se afronta na actualidade en toda Europa, tamén no noso municipio. Elas son as primeiras en abandonar o rural segundo os estudos de poboación e, polo tanto, a súa permanencia nestes territorios é vital para garantir a súa sostibilidade, a remuda xeracional e un rural vivo, dinámico e con futuro, precisan desde o Concello.
O Goberno local ve prioritario que o medio rural sexa un ámbito no que a muller se sinta cómoda e con posibilidades de desenvolverse plenamente para cumprir así todas as súas aspiracións laborais e persoais. “É imprescindible que a muller rural teña voz, e que esa voz se escoite, así como coñecer as súas necesidades laborais, de servizos ou de lecer”, precisa o rexedor, Luis Fernández Guitián. “Como tamén é crucial que se coñeza cal é a súa labor, tanto no entorno familiar como o social e o laboral, visibilizando o seu talento e as súas achegas á sociedade”.
“Consideramos que Sober é un bo exemplo de Concello de mulleres emprendedoras, referentes nos seus eidos laborais. Un territorio no que boa parte dos negocios e empresas xorden das ideas, os proxectos e o traballo das mulleres. E precisamente ese emprendemento feminino é o que o Concello de Sober e as asociacións de mulleres rurais do municipio queremos poñer en valor”.
Así, a iniciativa pretenderá, entre outros obxectivos:
-Dar visibilidade ao traballo que xa están facendo as mulleres en Sober, onde xogan un papel primordial
-Provocar, incentivar e consolidar o empoderamento da muller rural
-Formar e informar sobre as posibilidades da muller no rural
-Contrastar experiencias e iniciativas con outras postas en marcha noutros territorios
-Potenciar a innovación e a xeración de valor engadido de cara á creación de novos nichos de mercado
-Xerar un debate social sobre o papel das mulleres e as eivas que atopan no rural.
O Goberno local e as mulleres rurais buscan xa data para celebrar un evento integrador, de periodicidade anual, que poña en valor o seu traballo e no que caberán eles e elas, na procura dun Concello inclusivo en todos os ámbitos, onde toda a poboación sexa protagonista para alcanzar un Sober máis forte e igualitario, social e economicamente.
|
|
|
|
|
|