|
 |
NOVAS |
A BANDA SINFÓNICA DE GALICIA OFRECE UN CONCERTO EN SOBER ESTE SÁBADO

A Banda Sinfónica de Galicia ofrece este sábado un concerto de balde en Sober no marco dos actos do 150 aniversario da Banda de Música de Sober. A actuación será ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura.
‘Música e valores’ é o título da xira que a Banda Sinfónica de Galicia está a levar a cabo neste 2019 e que o sábado os achega a Sober.
Xerme da Banda
A Banda Sinfónica de Galicia (BSG) xurde da consolidación do proxecto da Banda Sinfónica Infantil e Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia, e da continuidade á labor pedagóxica que se leva facendo dende o 2015 dentro do Plan Nacional de Bandas.
A agrupación está formada por 46 compoñentes (entre 14 a 22 anos), procedentes de diferentes bandas, escolas e conservatorios das catro provincias galegas. Os seus directores son: Carlos Diéguez, David Llano e Quique Lagares.
Destaca no programa de concerto desta xira a interpretación e edición de obras de compositores galegos menores de 23 anos (Carme Rodríguez de Ribadeo, e Manuel Vázquez de Cea), a participación como solistas dos galardoados no concurso ‘Proxectando Sons’ (Jaime Estévez co saxo alto e Iván Carballal co bombardino) ou tres pezas que teñen unha conexión especial cos auditorios onde soarán: Ribadeo, Ortigueira e Sober.
Un dos piares básicos deste proxecto son os valores, uns valores que se fomentan e potencian por medio do traballo en equipo, como é o caso de tocar nunha banda. Esa convivencia a través da afección pola música, os gustos e intereses comúns, compartindo preocupacións, alegrías, triunfos e ca seguridade de contar cun apoio incondicional dos compañeiros da banda.
A xira 2019 da Banda Sinfónica de Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, dos Concellos de Ortigueira, Ribadeo e Sober, Xacobeo 2021, así como das escolas e bandas de ditas vilas e das empresas Editorial Dos Acordes e Piccolo Music Store.
Nova actuación da Banda de Sober e Os Parentes
Tras o concerto do sábado, a Praza do Concello de Sober será o escenario o domingo ás dez da noite dunha nova actuación da Banda de Música de Sober e o grupo local Os Parentes.
|
|
|
|
|
|