|
 |
NOVAS |
SOBER ACOLLERÁ OS DÍAS 11 E 12 DE AGOSTO A XXIV FEIRA DA ROSCA, DO MEL E OUTROS PRODUTOS DA RIBEIRA SACRA E O 3° TÚNEL DO VIÑO AMANDI

O Concello de Sober organiza os días 11 e 12 de agosto a XXIV Feira da Rosca, o mel e outros produtos da Ribeira Sacra e o 3° Túnel do Viño Amandi. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presentou hoxe o cartel e explicou que van participar un total de 18 postos: 4 rosqueiros, 2 oleiros de Gundivós, 3 produtores de mel, 4 artesáns, 4 queixerías e un produtor artesá de castaña e derivados.
Programación
A festa comeza o domingo ás 21:30 horas coa apertura dos postos. Ás 22:00 horas haberá unha actuación da Banda de Música de Sober e Os Parentes, para seguir conmemorando o 150 aniversario da formación. Ás 23:00 horas haberá unha degustación gratuíta de licor café e mel.
O luns ás 10:00 horas levarase a cabo o disparo de bombas de palenque. Ás 10:15 horas abriranse de novo os stands. Ás 10:30 horas haberá unha demostración de artesanía e ferreiro en vivo coa colaboración do CENTRAD da Deputación de Lugo.
Ás 13:00 horas farase a tradicional degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo e ás 13:30 horas actuará o grupo de música tradicional Airiños de Orbazai.
Terceiro Túnel do Viño
Aproveitando a celebración da XXIV Feira da Rosca o Concello de Sober e Vinosacra.es organizan o Terceiro Túnel do Viño Amandi, un evento no que degustar os viños da subzona de Amandi e Sober.
Haberá máis de 30 adegas que participaron con máis de 50 referencias. Unha oportunidade única de coñecer os viños de Amandi e Sober da man de sumilleres profesionais.
A carpa do túnel do viño será inaugurada o domingo 11 de agosto ás 11:30 horas. O horario será de 11:30 a 14:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas o domingo e de 11:30 a 14:30 horas o luns.
Na cita, organizada polo Concello de Sober e Vinosacra.es, colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, Artesanía de Galicia, Queserías Prado e Torre de Núñez.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, convida a todos os veciños e veciñas da localidade e dos concellos limítrofes, así como ás persoas que se atopan de vacacións na zona a desfrutar da mellor gastronomía e mellor viño que temos para ofrecer.
|
|
|
|
|
|