|
 |
NOVAS |
O DIRECTOR DA BANDA DE MÚSICA DE SOBER SERÁ O TUBA SOLISTA DA ORQUESTRA SINFÓNICA RTVE NO SEU VINDEIRO PROGRAMA

O director da Banda de Música de Sober e tubista, Miguel Franqueiro Becerra, será o tuba solista da Orquestra Sinfónica RTVE no seu vindeiro programa da semana próxima. En concreto, interpretará ‘Leningrado’, a Sinfonía nº7 de Dimitri Shostakovich.
A actuación será o venres día 11 ás sete e media da tarde no Teatro Auditorio San Lorenzo de El Escorial baixo a dirección de Eliahu Inbal. Franqueiro Becerra será o encargado de interpretar un papel que entraña unha especial dificultade e no que terá un destacado protagonismo.
7 concertos coa Orquestra del Teatro Regio de Torino
O músico natural de Boqueixón estivo todo o mes de abril en Torino, onde interpretou a Verdi coa Orchestra del Teatro Regio na ópera ‘I Lombardi alla prima crociata’. “Ser parte da complexa maquinaria que compón unha ópera deste nivel foi unha experiencia moi gratificante”.
Franqueiro tocou cunha das orquestras ‘Top’ italianas, unha das formacións de referencia da ópera a nivel mundial. En total participou en sete funcións ao longo do mes de abril.
O tuba é director da Banda de Música de Sober desde hai 12 anos. Desde 2015 colabora na totalidade da programación da Real Filharmonía de Galicia e da Hulencourt Soloists Chamber Orchestra (Bruxelas) ademais de colaborar frecuentemente con outras orquestras, tanto en España como fóra.
Unha experiencia que reverte na Escola Municipal de Música
O Goberno local do Concello de Sober valora a participación do músico nestas orquestras o que, sen dúbida, reforza a nosa Banda de Música e a súa proxección. O alcalde, Luis Fernández Guitián, asegura que “con Franqueiro tocando en Madrid e en Torino o nome de Sober chega a eses lugares nos que a música ten un nome propio, ao tempo que estas experiencias acaban revertendo nos alumnos da nosa Escola de Municipal de Música”.
|
|
|
|
|
|