|
 |
NOVAS |
O GOBERNO LOCAL AGRADECE O COMPROMISO CUMPRIDO POLO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN CO ARRANXO DA ESTRADA QUE COMUNICA SOBER E DOADE, NO TREITO QUE VAI DAS GÁNDARAS ATA CANTÓN

O Goberno local do Concello de Sober agradece o compromiso cumprido polo presidente da Deputación de Lugo co arranxo da estrada que comunica Sober e Doade no treito que vai desde As Gándaras (Pinol) ata Cantón (Amandi). O alcalde, Luis Fernández Guitián, traslada a súa gratitude logo de que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobase na súa xuntanza de onte o arranxo dun treito de case 2,5 quilómetros dende o 8,260 ao 10,720, da LU-P- 5903, de Sober a Doade, con 332.400 euros.
O novo vial contará cun ancho de 5,5 metros de calzada de aglomerado asfáltico con dous carrís de 2,75 cada un e arcéns de zahorra. A Deputación de Lugo comunicou que o proceso de contratación dos traballos se porá en marcha nas vindeiras semanas.
Fernández Guitián apunta que o acondicionamento desta estrada é unha demanda case diaria do equipo de Goberno local ante o organismo provincial “que agora se ve en parte cumprida”.
O rexedor explica que “a día de hoxe” a Deputación ten sobre a mesa o proxecto de 1,5 quilómetros máis que se van a licitar, dende Cantón a Carballeda. Desde o Concello pídese ademais celeridade na elaboración do proxecto ata Doade, do que restarían preto de catro quilómetros.
Afirma que desde o Concello se vai brindar a total disposición na colaboración que sexa precisa para o desenvolvemento dos traballos.
O rexedor sostén que “se trata da arteria fundamental para achegarse aos principais recursos turísticos cos que conta o Concello”, polo que considera que se trata dunha actuación “de suma relevancia para Sober que non podía demorarse máis”.
O alcalde recorda que a estrada de Sober a Doade é unha das máis transitadas da localidade, non só polos adegueiros e residentes, senón que é unha das estradas que leva aos principais miradoiros, ao Canón do Sil e ás adegas de Amandi.
|
|
|
|
|
|