|
 |
NOVAS |
AS ‘MERENDAS CON CONTOS’ DO MES DE NOVEMBRO CHEGAN REPLETAS DE ACTIVIDADES A SOBER

O programa de animación á lectura ‘Merendas con Contos’ desenvolvido todos venres na Biblioteca Municipal do Concello de Sober en horario de 17:30 a 19:00 horas, chega repleto de actividades este novembro.
Mañá, venres día 4, inaugurarase o mes cun magosto onde os nenos e nenas pasarán una divertida tarde xogando, comendo castañas e elaborarán un mural sobre o outono.
O vindeiro venres, día 11, os máis pequenos visitarán unha explotación gandeira na parroquia de Mer onde coñecerán esta profesión de primeira man.
O venres 18 as Merendas con Contos estarán dedicadas ao mundo teatral. A compañía de monicreques ‘A Xanela do Maxín’ deleitará aos cativos cun espectáculo de teatro de sombras.
O último venres do mes, día 25, os máis pequenos participarán nun obradoiro de igualdade onde deseñarán lazos para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero. Ademais lerán diversos contos que fomenten a igualdade entre homes e mulleres.
O alcalde do Concello soberino, Luis Fernández Guitián, puxo en valor esta exitosa iniciativa das Merendas con Contos que ten como finalidade “ofrecer un espazo lúdico e cultural para que os nosos nenos e nenas se familiaricen coa biblioteca e coa lectura”.
|
|
|
|
|
|