|
 |
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER CONVÉRTESE ESTA SEMANA NUN ESPAZO PARA A CREACIÓN ARTÍSTICA

O I Concurso de Decoración de Barricas posto en marcha polo Goberno local do Concello de Sober con motivo da XXXVI Feira do Viño de Amandi está xa en marcha coa participación de doce inscritos. Algúns deles xa comezaron a desenvolver os seus traballos na Praza do Concello.
O Goberno local pon a disposición dos anotados os materiais e a barrica sobre a que elaborar os seus deseños que, de xeito obrigatorio, deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e a cultura de Sober e da Ribeira Sacra.
A selección fíxose por estrita orde de inscrición, aberta ata o día 10 de marzo. Todos os participantes recibirán como agasallo un diploma acreditativo de ter participado no concurso, así como un lote de botellas de viño de Amandi. Haberá dous gañadores, un deles recibirá 300 euros e o segundo, 100 euros. Os seus traballos serán expostos no acto inaugural da XXXVI Feira do Viño de Amandi.
Os demais decorados seleccionados formarán parte do mobiliario da Feira do Viño e das casetas dos adegueiros. Tras a celebración da feira, o Goberno local incorporaraos nos seus edificios públicos, entre eles, na Casa do Concello, no colexio, no PAI, no centro de saúde ou na piscina, entre outros, como un modo de promocionar a Ribeira Sacra e o sector do viño de xeito permanente.
A técnica de decoración será libre, aínda que o Concello pide que sexan traballos orixinais. Todos os anotados foron chamados a semana antes da feira para que fagan os seus traballos na propia localidade e poden intervir ata en 3 barricas. “Convertermos o noso Concello nun espazo para a creación artística a semana previa á feira”, explica o rexedor.
|
|
|
|
|
|