|
 |
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER LIDERA UN PROXECTO PARA POR EN VALOR OS RECURSOS FORESTAIS EN MUNICIPIOS DE ESPAÑA E PORTUGAL

O Goberno local do Concello de Sober lidera un proxecto europeo presentado para por en valor o 100% dos recursos forestais nos concellos que forman parte da iniciativa. A idea, que vén de ser presentada para acadar fondos europeos ao INTERREG V (POPTEC), está formada por nove socios máis de España e Portugal. Prevese que antes do verán se saiba se o proxecto consigue a contía solicitada, preto de 1,5 millóns de euros.
Amais do Concello de Sober forman parte deste proxecto ADRAT (Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega), o Concello de Cualedro, o municipio de Barcelos, a Deputación de Ávila, a PEFC (Asociación España de Sostenibilidad Forestal), a Agência Regional de Energia e Ambiente do Médio Tejo, ASEMFO (Asociación Nacional de Empresas Forestales) e o Grupo de Investigación Valoración Financeira Aplicada da USC.
O obxectivo que persegue o proxecto é o de conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos para o que se deseñará un sistema de apoio á xestión forestal a nivel municipal. As aplicacións practicas que se van a desenvolver teñen entre as súas finalidades a loita contra o cambio climático, a prevención e xestión dos riscos relacionados co clima, como a erosión, os incendios, as inundacións, as tormentas ou secas.
En concreto, desenvolverase e implementarase unha infraestrutura de apoio e dinamización para a posta en valor do recurso forestal a escala municipal, creando unha rede de municipios transfronteiriza que permita optimizar a xestión do recurso forestal mediante a realización de proxectos conxuntos no ámbito do aproveitamento forestal, mellora da biodiversidade, protección do medio. A iniciativa pretende ademais xerar emprego e riqueza nas zonas de implantación.
Trátase, polo tanto, de lograr que o 100% do recurso forestal das zonas implicadas se poña en valor da forma que previamente se decida por parte dos axentes afectados: concellos, empresas, propiedades de montes, etc.
Un dos retos do proxecto consiste en lograr que no transcurso do proxecto, finais de 2015 (cando se redacta o proxecto) ata primeiros de 2019, cando menos un 65% do territorio forestal dos municipios piloto formen parte do sistema e que ademais en cada un deles se poñan en marcha polo menos tres proxectos dirixidos á posta en valor do recursos forestal de maneira sostible.
Oportunidades para Sober
O Concello de Sober conta cunha superficie de 133km2, dos que entre o 60 e o 65% é masa forestal, o que o fai un municipio idóneo para forma parte desta iniciativa de colaboración entre España e Portugal. O alcalde, o popular Luis Fernández Guitián, explica a importancia de formar parte, como líder ademais, dun proxecto que contribuirá a que o territorio que se atopa abandonado se poida ver dinamizado e posto en valor. “Imos tratar de maximizar o recurso forestal dinamizando aos axentes do sector para combater o abandono e a baixa produtividade”, explica.
|
|
|
|
|
|