|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER CONVOCA O V CERTAME DE DEBUXO INFANTIL PARA A XXXIX FEIRA DO VIÑO DE AMANDI
O Goberno local do Concello de Sober vén de enviarlles aos centros educativos da comarca as bases que rexerán o V Certame de debuxo infantil para a XXXIX Feira do Viño de Amandi na que anima a participar a todos os centros. O Goberno local empregará o traballo gañador para promocionar o evento.
Tal e como recollen as bases, no certame poden participar todos os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos que estean escolarizados nos centros de ensino da comarca da Terra de Lemos.
Os debuxos deberán presentarse sobre cartulina, tamaño aproximado DIN A4 sobre o tema: O cultivo da vide na Ribeira Sacra.
Cada autor ou autora presentará un único traballo acompañado dunha folla cos seus datos persoais. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 12 de marzo debendo ser entregado na Biblioteca Pública do Concello de Sober.
O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará un único traballo que será o gañador do certame. O traballo premiado pasará a ser propiedade do Concello de Sober, que se reserva o dereito de publicación do mesmo.
Haberá un único premio valorado en 150 euros. Ademais concederase un accésit de 50 euros ao mellor debuxo de cada colexio participante. A entrega dos premios terá lugar o día 10 de abril no Centro Sociocultural de Sober ás 12:00 horas.
|
|
|
|
|
|