|
|
NOVAS |
A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL RETOMA ESTA SEMANA UNHA NOVA EDICIÓN DAS MERENDAS CON CONTOS
A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Sober retoma este venres día 14 a celebración das ‘Merendas con contos’. Así o avanzou o alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, quen precisou que “se trata dunha iniciativa coa que se pretende animar a todos os nenos e nenas a somerxerse no mundo da lectura”.
As actividades, que se van programar ao longo de todo o curso escolar, serán os venres de 17:30 horas a 19:00 horas na Biblioteca Municipal.
En concreto, este venres día 14, comeza a actividade ‘Álbum dos contos’ na que os nenos e nenas participantes colocarán adhesivos dos libros lidos cada venres cun debuxo e unha pequena valoración. Tamén desfrutarán coa lectura do pregón feito por Ledicia Costas e do libro ‘Murciélagos en la biblioteca’ de Brian Lies. Os máis cativos pasarano en grande ademais coa preparación do aniversario da Biblioteca, que se celebrará o día 24 deste mesmo mes, coa elaboración dunha guirnalda e postais de felicitación.
O venres, día 21, as Merendas con Contos contarán co contacontos ‘O Coelliño Branco’ da compañía Trinke Trinke. Esta actividade enmárcase dentro do programa de animación á lectura de Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.
O último venres do mes de outubro, día 28, os máis cativos poderán ir ao teatro de marionetas a cargo da compañía Trécola baixo o título ‘The Piccole Theatre’. Unha iniciativa que corresponde ao Proxecto Buxiganga da Deputación de Lugo.
Exposición dos debuxos premiados no certame Mulleres de Lemos
Durante o mes de outubro tamén estarán expostos na Biblioteca Municipal de Sober os debuxos premiados no certame Mulleres de Lemos organizado polo colectivo Lemos Le, e que están dedicados á figura de María Castaña.
|
|
|
|
|
|