SEDE ELÉCTRONICA
 
 
NOVAS DO CONCELLO
 
NOVAS
REGULAMENTO DE XESTIÓN DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS URBANOS



DISPOSICIÓNS XERAIS:
A base legal do presente regulamento está recollida no artigo 84 da Lei 7/85 do 2 de abril e en cumprimento do mandado recollido polo artigo 132 do Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. O obxecto do mesmo e o establecemento do réxime xurídico do servizo municipal de recollida de residuos sólidos urbanos.
O presente Regulamento ten por obxecto a regulación xeral, dentro do marco de competencias atribuídas, pola lexislación citada, ó Concello de Sober de todas as actuacións dirixidas a conseguir as axeitadas condicións de recollida de residuos sólidos urbanos, e fomentar actitudes encamiñadas á redución, reutilización e reciclaxe dos residuos.
En materia tributaria e de recadación os servizos rexeranse polo establecido no Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, aprobada por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, e, en especial, pola Ordenanza Fiscal, vixente en cada momento, aprobada polo Concello de Sober.
 
OBXECTO: O obxecto do presente regulamento é establecer o réxime xurídico da produción e xestión de residuos domésticos ou urbanos e fomentar por esta orde a súa redución, reciclaxe e outras formas de valorización.
 
ART. 1º - DEFINICIÓN: RESIDUOS DOMÉSTICOS
1.-          Son residuos domésticos os definidos como tales na lexislación vixente, é dicir, os xerados nos fogares como consecuencia das actividades domésticas. Consideranse tamén residuos domésticos os similares ós anteriores xerados nos servizos e industrias.
2.-          Incluense tamén nesta categoría os residuos xerados nos fogares de aparellos eléctricos e electrónicos, roupa, pilas, acumuladores, mobles e enseres así como os residuos e escombros procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria.
3.-          Terán a condición de residuos domésticos os procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes e áreas recreativas..
A xestión do servizo de recollida doméstica de residuos e o seu transporte á planta de transferencia levarase a efecto con estrita suxeción á seguinte normativa, enumerada a título meramente enunciativo, ou a posterior que resulte aplicable:
a)           Directiva 94/62/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de decembro, relativa aos envases e residuos de envases, que están suxeitos ao principio de reserva de Lei.
b)           Quinto e Sexto programas de Acción Medioambiental da Unión Europea.
c)            Lei 11/1997, de 24 de abril, de envases e residuos de envases.
d)           RD Lexislativo 1/2008, de 11 de xaneiro, que aproba o Texto Refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental.
e)           Lei 22/2011 de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.
f)             RD 782/1998 de 30 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 11/1997, de 24 de abril de envases e residuos de envases.
g)           RD 212/2002 de 22 de febreiro, polo que se regulan as emisións sonoras no contorno debidas a determinadas maquinas de uso ao aire libre (BOE num. 52, de 1 de marzo de 2002).
h)           Plan Nacional Integrado de Residuos 2008-2015, de 20 de xaneiro de 2009 do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.
i)             Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.
j)             Lei 1/1995, de 2 de xaneiro, de protección do medio ambiente de Galicia
k)            Constitución artigos 133.2 e 142.
l)             Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local
m)          RD Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais..
n)           Calquera outra disposición legal aplicable.
 
Xestión de residuos:
A xestión de residuos defínese como o conxunto de actividades encamiñadas á prevención da produción, e a darlles a estes un destino máis axeitado de acordo coas súas características, co fin de protexer a saúde humana, os recursos naturais e o medio ambiente.
A xestión de residuos comprende:
a)           As operacións de prerrecollida, recollida selectiva, almacenamento, transporte, tratamento e eliminación.
b)           As operacións de transformación precisas para a súa reutilización, a súa recuperación ou a súa reciclaxe.
Para estes efectos, enténdese por:
Residuo: Calquera substancia ou obxecto do que se desprenda o seu posuidor ou posuidora ou teña a obriga de desprenderse en virtude das disposicións en vigor, e comprende os domiciliarios, os comerciais, de oficinas e de servizos, os sanitarios, mobles, apeiros domésticos,os procedentes de traballos propios de xardinaría, os de construción e de obras menores de reparación doméstica.
Prevención: Conxunto de medidas destinadas a evitar a xeración de residuos ou a conseguir a súa redacción, ou da cantidade de substancias perigosas ou contaminantes presentes neles.
Recollida selectiva: Sistema de recollida baseado no uso de diferentes colectores para o depósito de compoñentes específicos dos residuos, clasificados pola súa natureza e composición. O sistema basearase en colectores nos que se deposite un só tipo de residuos, tal como vidro, papel, roupa, aceite domestico, materia orgánica, etc., ou máis dun, como envases lixeiros (plásticos, metálicos, tetrabrick). Estes colectores están situados polos diversos pobos do Concello e na Illa Verde de Canabal (instalación na que se reciben, previamente seleccionados, certos tipos de residuos domésticos).
Aproveitamento: Todo proceso industrial que teña por obxecto a recuperación ou transformación dos recursos contidos nos residuos, mediante a súa reciclaxe ou a reutilización para o mesmo ou diferente uso.
Tratamento:Conxunto de operacións encamiñadas ao aproveitamento dos recursos contidos nos residuos, e á eliminación das fraccións residuais non válidas para a súa reutilización ou reciclaxe.
Eliminación:Todos aqueles procedementos dirixidos, ben ao almacenamento ou vertido controlado dos residuos, ou ben á súa destrución, total ou parcial, mediante sistemas non daniños para o medio ambiente.
 
ART. 2º - RESIDUOS EXCLUIDOS
1.-          Non obstante o sinalado no artigo anterior, conforme á lexislación vixente, e sempre que se trate de residuos distintos aos xerados nos domicilios particulares, poderá o Concello de Sober, por motivos xustificados, obrigar aos seus produtores ou posuidores a xestionalos por si mesmos.
2.-          Asemade poderá obrigar aos posuidores ou produtores a que adopten as medidas necesarias para eliminar ou reducir, na medida do posible, aquelas características que presenten que os fagan perigosos ou que dificulten a súa recollida, transporte ou aproveitamento, ou a que os depositen na forma e lugar axeitados.
3.-          Dados os sistemas de tratamento e valorización adoptados polo Concello de Sober  para o aproveitamento dos residuos urbanos, resultan excluídos de todas ou algunha das operacións de xestión aqueles residuos de orixe non domiciliario:
-              Aos que non se lles poida aplicar algunha das tecnoloxías e procesos de clasificación, recuperación ou aproveitamento actualmente existentes, sen prexuízo de realizarse a xestión nun futuro en función dos avances técnicos e da sostibilidade económica dos mesmos.
-              Aqueles outros que, dado o seu volume ou características, non poidan ser obxecto de recollida por parte dos servizos do Concello de Sober
 
ART. 3º - CLASIFICACIÓN DOS RESIDUOS DOMESTICOS AOS EFECTOS DA SÚA XESTIÓN.
1.-           En atención ao sistema de recollida selectiva implantado no Concello de Sober os residuos urbanos divídense en ordinarios e especiais.
2.-          En atención á súa orixe, divídense en domiciliarios e non domiciliarios.
 
ART. 4º - RESIDUOS DOMÉSTICOS ORDINARIOS.
1.-          Son os producidos como consecuencia da normal actividade doméstica no fogar, así como en comercios, oficinas e servizos, e os producidos por outros xeradores singulares sempre que se asimilen aos producidos nos anteriores lugares, e os procedentes da limpeza viaria, espazos verdes, áreas recreativas, mercados, feiras, festexos e actos similares.
2.-          Para a súa recollida e/ou tratamento, estes residuos deberán separarse nas fraccións residuais sinaladas no artigo 6.
 
ART. 5º - RESIDUOS DOMÉSTICOS ESPECIAIS.
1.-          Constitúen esta categoría aqueles residuos domésticos que, debido á súa composición, cantidade ou volume, características ou natureza, dificultan ou imposibilitan a segregación, manipulación ou valorización convencionais, independentemente de cal sexa o lugar no que se orixinen. Esixen unha xestión diferenciada porque poden comprometer a recuperación doutras fraccións, ou comportar un risco para o medio ou a saúde das persoas.
2.-          Deberán cumprir algunha das seguintes condicións:
a)           Que existan plans ou programas de xestión especificamente deseñados para dar unha resposta apropiada ás peculiaridades dese residuo en particular.
b)                 Que aínda non existindo plans ou programas de xestión específicos, correspóndase con residuos de especial significación en atención ao sistema de tratamento implantado para os residuos urbanos no ámbito do Municipio de Sober e cuxa xestión non é posible a través da súa inclusión nalgunha das fraccións residuais previstas para os residuos ordinarios.
c)            Que a súa xestión realícese conxuntamente con residuos non pertencentes á categoría dos residuos urbanos e de acordo á planificación para aqueles prevista.
1.-          Atópanse nesta categoría residuos tales como:
-              Vidro (fiestras, parabrisas e similares).
-              Cascallos de obra doméstica.
-              Ferralla.
-          Metais e restos metálicos voluminosos.
-              Madeira.
-              Residuos voluminosos..
-              Plásticos de silos e invernadoiros e de envases industriais.
-              Radiografías.
-              Aerosois.
-              Baterías eléctricas.
-              Pilas eléctricas.
-              Aceites vexetais domésticos.
-              Aceites minerais.
-              Disolventes, pinturas e vernices de procedencia doméstica.
-              Tubos fluorescentes e lámpadas
-              Electrodomésticos con CFCs
-              Pneumáticos (vehículos utilitarios/turismos).
-              Aparellos eléctricos, electrónicos e informáticos.
-              Téxtiles.
1.-          A lista sinalada no punto anterior poderá ser ampliada xustificadamente polo Concello de Sober a outros residuos cuxa xestión sexa de competencia do
ente municipal e se clasifiquen coma especiais en atención á súa necesaria separación para ou seu posterior tratamento.
 
ART. 6º - FRACCIÓNS DOS RESIDUOS DOMÉSTICOS ORDINARIOS.
Os residuos urbanos ordinarios deberán separarse en orixe nas seguintes fraccións residuais para proceder á súa correcta xestión:
A.                Fracción resto: fracción residual dos residuos municipais unha vez efectuadas as recollidas selectivas nos modelos con recollida de envases diferenciada, e que aínda pode conter materiais valorizables..
B.                Fracción inorgánica selectiva: comprende a fracción inorgánica dos residuos urbanos. Inclúe:
Envases lixeiros(bolsa amarela):plásticos e produtos fabricados con materiais plásticos nas súas diferentes composicións (PEBD, PEAD, PP, PS, PVC, PET e calquera outro), latas, bricks, metais, chapas, bolsas, botellas que non sexan de vidro,así como outros residuos varios non incluídos no resto das fraccións e que non teñen a catalogación de especiais.
Papel Cartón: comprendeentre outros, o papel impreso de xornais e revistas, papel para escritura e de ordenador, caixas, envases e embalaxes compostos por estes materiais. Non se inclúe aqui o celulósico de uso sanitario.
Vidro: Inclúe os residuos de envases deste material, tales como botellas, tarros, botes e outros, todos eles baleiros e sen tapas, cortizas ou tapóns. Non se inclúen nesta fracción os cristais planos nin cerámicas.
 
ART. 7º - CLASIFICACIÓN DOS RESIDUOS DOMÉSTICOS SEGUNDO A SÚA ORIXE.
1.-          Atendendo ao seu lugar de xeración, e aos efectos do presente regulamento, os residuos urbanos divídense en domiciliarios e non domiciliarios.
A.                Domiciliarios: pertencen a este grupo os residuos xerados nos fogares e domicilios particulares. Diferéncianse os seguintes fluxos de residuos:
-              A habitual bolsa do lixo, resultado da normal actividade doméstica, separada nas distintas fraccións ás que alude o artigo anterior.
-              Os mobles e aparellos domésticos de liña branca e liña marrón.
-              Calquera outra fracción de orixe doméstica catalogada coma residuo urbano especial segundo o previsto no artigo 5.
A.                Non domiciliarios: son aqueles residuos urbanos que foron xerados en calquera outro lugar distinto ao fogar ou domicilio particular, como poden ser:
B.1) Os residuos xerados en comercios, oficinas e servizos. En atención ao volume xerado divídense en:
B.1.1) PEQUENOS PRODUTORES, cando a cantidade de residuos ordinarios xerada diariamente non supere á producida no ámbito doméstico e, en todo caso, cando a cantidade xerada non supere, en volume,
-              Os 400 litros para a fracción resto.
-              Os 400 litros para a fracción inorgánica selectiva envases lixeiros.
-              En canto ás fraccións de papel-cartón e vidro, e dado que a súa recollida realízase mediante depósito nos colectores específicos situados na vía pública, as cantidades xeradas diariamente non poden superar o enchido dun terzo destes colectores.
B.1.2) MEDIANOS PRODUTORES, cando a cantidade de residuos xerada diariamente non supere, en volume:
-              Os 800 litros para a fracción resto.
-              Os 800 litros para a fracción inorgánica selectiva envases lixeiros.
-              Para papel-cartón e vidro, os volumes sinalados no punto anterior para pequenos produtores.
B.1.3) GRANDES PRODUTORES, cando o volume de residuos xerado diariamente supere as cantidades reflectidas no apartado anterior.
B.2) Residuos procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas,  mercados, feiras, festexos ou actos similares.
B.3) Calquera outros residuos cuxa natureza ou composición asimílese aos xerados nos domicilios, comercios, oficinas ou servizos e non sexan consecuencia directa dun proceso industrial de produción ou transformación nin estean catalogados como perigosos pola lexislación vixente.
1.-               Con carácter xeral, os residuos de orixe domiciliario procedentes das actividades normais da vida en comunidade,que se presenten en dimensións manexables e que se  depositen nos colectores normalizados existentes na vía pública ou de uso exclusivo.
2.-          Cando un produtor ou posuidor necesite, puntualmente, desprenderse de residuos con características diferentes aos residuos descritos anteriormente pero que sexan de orixe domiciliario, deberán solicitar ao Concello de Sober permiso para que sexa retirado polos servizos ou depositado nun punto limpo.
 
 
ART. 8º - TITULARIDADE DOS RESIDUOS
A todos os efectos, os residuos urbanos terán sempre un titular responsable, calidade que corresponderá ao produtor, posuidor ou xestor dos mesmos.
1.-          Unha vez entregados os residuos para a súa xestión de conformidade cas prescricións contidas nesta Ordenanza e demais normativa aplicable, o Concello adquire a propiedade sobre os mesmos quedando os produtores, posuidores ou xestores exentos de responsabilidade polos danos que tales residuos puideran causar.
 
ART. 9º - OBRIGAS E RESPONSABILIDADES DOS PRODUCTORES OU POSUIDORES DE RESIDUOS.
Os produtores ou posuidores de residuos urbanos cuxa xestión obrigatoria corresponda ao Concello de Sober están obrigados a poñelos á súa disposición para proceder ao seu reciclado, valorización ou eliminación e ao pagamento das correspondentes taxas de conformidade ca correspondente Ordenanza Fiscal.
1.-          O Concello de Sober realizará as operacións de xestión a través de empresas concesionarias ou calquera outra forma de xestión dos servizos públicos.
2.-          Mentres se atopan no seu poder, os posuidores de residuos urbanos están obrigados a almacenalos nas debidas condicións de seguridade e hixiene, en condicións tales que non supoñan ningún risco ou produzan molestias por olores, insectos, lixiviados, dispersión ou calquera outra causa, cumprindo ca lexislación sanitaria correspondente.
3.-          Aos efectos da súa correcta xestión e, no seu caso, recollida selectiva, os produtores ou posuidores de residuos urbanos deberán separar en orixe as fraccións residuais sinaladas no artigo 6 e os residuos especiais aos que alude o artigo 5.
4.-          Os posuidores de residuos urbanos cuxa xestión obrigatoria corresponda ao Concello de Sober que os entreguen a un terceiro serán responsables solidarios con ese terceiro de calquera prexuízo que puidera derivarse.
5.-          Dos danos que se produzan nas distintas operacións de xestión como consecuencia da mala fe na entrega dos residuos ou da falta de información sobre as características dos produtos entregados, será responsable o produtor ou axente que efectuase a entrega.
 
ART. 10º - PROMOCIÓN DA SEPARACIÓN EN ORIXE E RECOLLIDA SELECTIVA
O Concello de Sober promoverá a colaboración cidadá para a óptima separación en orixe e recollida selectiva de residuos urbanos mediante campañas informativas e divulgativas, dirixidas tanto á poboación en xeral como a axentes sociais representativos (sectores empresariais representativos, colexios, institucións, asociacións veciñais, colectivos de amas de casa, comunidades de propietarios, etc).
 
ART. 11º - CONVENIOS DE COLABORACIÓN.
1.-          O Concello de Sober fomentará a sinatura de convenios de colaboración con sectores de actividade representativos e grandes produtores co fin de conseguir unha óptima xestión dos residuos urbanos.
2.-          Asemade, o Concello de Sober poderá celebrar convenios de colaboración con asociacións ou sistemas integrados de xestión para a colocación na vía pública de colectores para determinadas fraccións de residuos susceptibles de aproveitamento.
 
ART. 12º - PROHIBICIÓNS
Prohibese expresamente:
a)           Abandonar, depositar, verter ou eliminar residuos na vía pública, marxes dos ríos, estradas ou camiños e soares públicos ou privados, de forma incontrolada e con incumprimento das normas previstas neste regulamento.
b)           Situar vehículos ou outros elementos diante dos colectores situados na vía pública ou de forma que se impida a súa recollida polos operarios do servizo de recollida.
c)            Mover ou trasladar os colectores do seu emprazamento e manipular os elementos de suxeición dos mesmos.
d)           Manipular os residuos despois de que foran depositados nos colectores ou na vía pública nas modalidades de recollida que se realicen directamente sobre ela (recollida de voluminosos, porta a porta, cartón comercial, etc..).
e)           Incinerar residuos en todo o territorio Municipal ca excepción de aquelas instalacións ou eventos autorizados.
f)             Compactar residuos, a excepción da fracción de papel-cartón.
 
XESTIÓN DOS RESIDUOS DOMICILIARIOS ORDINARIOS
 
ART. 13º - SISTEMA DE RECOLLIDA EN COLECTORES DE USO COLECTIVO
1.-          Para proceder á recollida das distintas fraccións de residuos ordinarios domiciliarios e de pequenos produtores será obrigatorio o seu depósito en colectores de uso colectivo situados na vía pública. Cada fracción deberá depositarse nos colectores específicos destinados a tal fin e como se dispón no punto seguinte.
2.-          A tipoloxía de colectores na vía pública para cada tipo de fracción será a seguinte:
-              Contedor verde para o depósito da fracción resto.
-              Contedor amarelo para a fracción selectiva de envases lixeiros(bolsa amarela).
-              Contedor azul para o papel-cartón.
-              Contedor verde para o vidro..
1.-               Sen prexuízo do sinalado neste artigo, o Concello de Sober, atendendo a circunstancias urbanísticas e de viabilidade económica, de minimización do impacto visual ou organizativas, poderá articular outros sistemas de recollida de residuos para as fraccións sinaladas en zonas concretas do territorio. Unha vez implantados, estes sistemas adquirirán a condición de servizo de utilización obrigatoria para os veciños nos lugares nos que se implanten. O Concello de Sober ditará as normas complementarias a esta ordenanza que sexan precisas para regular as condicións nas que esta entidade prestará o servizo e nas que os usuarios utilizarán estes sistemas.
2.-          Asemade, o Concello de Sober poderá ampliar a tipoloxía de colectores sinalada neste artigo para a separación en orixe e depósito doutras fraccións específicas de residuos ordinarios ou especiais.
ART. 14º - SITUACIÓN DOS COLECTORES DE USO COLECTIVO
1.-          O Concello de Sober será o único competente para proceder á instalación de colectores na vía pública e determinará o número, volume e situación dos mesmos.
2.-          A premisa fundamental para a situación dos colectores será que entre os colectores e os domicilios ou lugares de produción exista a menor distancia posible, pero atendendo sempre ás características urbanísticas, paisaxísticas e de poboación de cada zona, así como á seguridade viaria, accesibilidade peonil, prevención de riscos laborais e operatividade dos servizos de recollida. Estas consideracións realizaranse a partir dos informes dos departamentos técnicos do Concello de Sober, xunto cas indicacións recibidas das empresas concesionarias da recollida e transporte dos residuos domiciliarios, así como as suxerencias dos propios usuarios.
3.-          Os colectores localizaranse segundo puntos ou áreas estratéxicas de achega, que poderán estar compostas por varias unidades das diferentes tipoloxías para o depósito das correspondentes fraccións. A súa colocación realizarase de xeito que non dificulten o tráfico e ocupando o menor espazo posible.
4.-          Todos aqueles colectores de carga traseira que o precisen, disporán de un tipo de  anclaxe que impida a súa mobilidade e o desprazamento dos mesmos por inclemencias meteorolóxicas ou outras causas. Os sistemas de suxeición só poderán ser retirados no momento da recollida por parte da concesionaria do servizo; en calquera outra circunstancia se deberá contar ca autorización expresa do Concello de Sober.
5.-          En xeral, os colectores colocaranse en calzadas nas que estea permitido o tránsito de vehículos e na dirección da circulación, non entrando nunca en dirección prohibida para recoller os residuos. Nas zonas rurais ou semi rurais nas que o firme sexa de terra, ou en cunetas, poderán realizarse bases de formigón con suxeicións para os colectores, se tecnicamente se estima a súa necesidade.
6.-          O Concello de Sober poderá establecer outros sistemas para a situación dos colectores na vía pública tales como recintos, de madeira ou metálicos, retranqueos nas beirarrúas, etc. de xeito que resulten os máis apropiados ás características urbanísticas ou paisaxísticas da zona..
 
ART. 15º - COLECTORES DE USO EXCLUSIVO OU PARTICULAR PARA RESIDUOS DOMICILIARIOS.
1.-          Aqueles produtores sitos ou non en solo industrial, dependendo das súas particulares características, que dispoñan de colector propio para a recollida dos residuos domésticos ou asimilables, darán parte ao  Concello de Sober  para a súa incorporación ás rutas de recollida.
2.-          En caso de que produzan residuos inorgánicos como envases lixeiros, papel cartón e vidro, deberán dispor de colectores que permitan a recollida selectiva dos residuos. Isto non será eximente das obrigas legais de xestión de residuos a través de xestores autorizados.
3.-          Os posuidores destes colectores serán ademais responsables do seu estado de limpeza e mantemento, así como da súa correcta situación, podendo esixir o Concello de Sober a súa reparación ou reposición cando entorpeza as labores do persoal do servizo.
 
ART. 16º - LIMPEZA E MANTEMENTO DOS COLECTORES DE USO COLECTIVO
1.-          Concello de Sober realizará as labores de limpeza, conservación e mantemento dos colectores de uso colectivo, dos seus elementos de suxeición e dos espazos que ocupan a través das correspondentes empresas concesionarias ou por medios propios.
2.-          As empresas concesionarias do servizo ou o Concello lavarán, desincrustarán e desinfectarán periodicamente os colectores de uso colectivo, co fin de eliminar a sucidade das estruturas e os malos olores. Procederase tamén, regularmente, á eliminación da publicidade e pintadas.
3.-          Nos casos do fin da vida útil dos colectores ou desaparición, falta ou deterioración grave dalgún dos elementos tales como rodas, tapas ou suxeicións, estes serán repostos ca maior brevidade posible por parte das empresas concesionarias ou o Concello de Sober.
 
ART. 17º - PRESENTACIÓN DOS RESIDUOS ORDINARIOS.
1.-          Os residuos correspondentes á fracción resto e fracción selectiva de envases lixeiros(bolsa amarela) entregaranse e se depositarán nos colectores sempre en bolsas de plástico, debidamente pechadas e consistentes, co fin de evitar a dispersión dos mesmos e as verteduras á vía pública e procurando evitar danos ó persoal que os manexe, dentro do horario establecido.
2.-          Os residuos das fraccións de papel-cartón e vidro deberán depositarse unitariamente, e sen bolsa, nos colectores dispostos para tal fin. O papel-cartón depositarase pregado ou dobrado e os envases de vidro baleiros e sen tapas.
 
ART. 18º - NORMAS DE UTILIZACIÓN DOS COLECTORES
1.-          Deberán observarse as seguintes normas de uso:
a)           Para cada fracción de residuos ordinarios, utilizarase o colector correspondente.
b)           Utilizaranse os colectores máis próximos ao lugar de produción. Se un colector se atopase cheo, os residuos depositaranse no colector máis próximo para idéntica fracción de residuos, evitando os desbordamentos e o depósito de residuos no chan.
c)            En xeral, os residuos de gran tamaño toraranse e/ou pregaranse para que ocupen o menor volume posible antes de depositalos no colector correspondente.
d)           Os Servizos Municipais de Limpeza depositarán os residuos da limpeza manual das rúas e baleirado de papeleiras no colector da fracción resto.
e)           Cumprir cos horarios de depósito establecidos neste Regulamento.
f)             Deberase pechar a tapa do colector despois de depositar os residuos; nunca deberá deixarse aberta, evitando así a dispersión de residuos e a entrada de auga ou animais.
1.-          Queda expresamente prohibido:
a)           Depositar bolsas ou residuos soltos fora dos colectores e/ou na vía pública.
b)           Depositar residuos ordinarios sen separar nas correspondentes fraccións e/ou en colectores ou receptáculos distintos aos asignados para cada fracción ou en colectores dispostos na vía pública para outra clase de residuos (de xardíns, obras, etc.).
c)            Depositar residuos ordinarios en colectores non homologados polo Concello de Sober.
d)           Depositar residuos en colectores de uso exclusivo salvo polo titular dos mesmos.
e)           Introducir nos colectores residuos voluminosos do fogar, animais de compañía vivos ou mortos, residuos da construción e demolición, así como todos aqueles que poidan producir avarías no sistema mecánico dos vehículos de recollida ou danos no colector.
f)             Depositar nos colectores situados na vía pública algún dos residuos definidos como especiais no artigo 5 deste Regulamento.
g)           Depositar residuos líquidos, ou susceptibles de licuarse, que poidan producir lixiviación nos colectores ou na vía pública, nin materiais en combustión ou que conteñan elementos inflamables, explosivos, nocivos ou perigosos.
h)           Depositar residuos de papel-cartón na vía pública..
i)             Depositar residuos nos colectores sen bolsa, ou no interior de caixas ou paquetes ou a granel.
 
ART. 19º - HORARIO PARA O DEPÓSITO DE RESIDUOS EN COLECTORES
1.-          Fraccións resto e fracción selectiva envases lixeiros: preferentemente entre as 20:00 e 24:00 horas, o día anterior ao de recollida. O Concello de Sober poderá establecer horarios especiais en virtude de convenios de colaboración con determinados sectores ou colectivos.
2.-          Fraccións de papel-cartón e vidro:
-              O papel cartón e o vidro poderán depositarse a calquera hora do día nos colectores específicos dispostos en vía pública para este fin.
 
 
ART. 20º - RECOLLIDA SELECTIVA MEDIANTE COLECTORES DE USO EXCLUSIVO OU PARTICULAR.
1.-          Os medianos e grandes produtores deberán depositar os seus residuos en colectores de uso exclusivo ou particular..
2.-          Os colectores deberán adquirirse polo particular
3.-          Estes colectores estarán situados no interior dos establecementos ou locais de negocio sendo o produtor ou posuidor dos residuos o responsable da súa posta a disposición para o servizo de recollida.
4.-          Os titulares dos colectores serán responsables do seu lavado, limpeza, mantemento, así como da súa reposición ó fin da vida útil do colector.
 
ART. 21º - RECINTOS PARA A SITUACIÓN DE COLECTORES DE USO EXCLUSIVO.
Hoteis ou calquera mediano ou grande produtor, poderan dispoñer de recintos propios para a situación de colectores no interior da súa instalación .
Estes colectores colocaranse no lugar e horario axeitado para a súa recollida que indique o Concello.
 
ART. 22º - RECOLLIDA SELECTIVA XERAL DE RESIDUOS
1.-          A recollida selectiva é un servizo de prestación obrigatoria e que segundo a lexislación vixente lle corresponde ás entidades locais e será realizado polas empresas concesionarias do Concello de Sober, que utilizará os medios axeitados para garantir a recollida óptima e segregada de cada unha das fraccións depositadas selectivamente pola cidadanía.
2.-          As frecuencias da recollida selectiva serán as adecuadas á poboación da zona de xeito que en ningún caso se xerarán desbordamentos dos puntos de contenerización.
3.-          A recollida de colectores, tanto da fracción resto coma da fracción inorgánica selectiva, efectuarase en horario e periodicidade apropiados para o cumprimento do presente Regulamento e atendendo as necesidades específicas de cada rúa, lugar, época do ano,  etc.
4.-          A recollida das fraccións de papel/cartón e vidro será, preferentemente diúrna e realizarase antes de que os colectores se enchan por completo, sendo a empresa concesionaria a responsable de programar a recollida en función das necesidades.
5.-          O Concello de Sober ou a empresa en que delegue poderá utilizar mecanismos para determinar a cantidade e axeitada segregación dos residuos por parte dos usuarios, como sistemas de pesaxe ou inspeccións in situ.
6.-               En aqueles lugares con rúas de acceso restrinxido é necesario que os vehículos colectores teñan acceso libre para a recollida, o que se debe garantir tamén no caso de peche temporal de rúas ou camiños pola realización de obras.
7.-          En caso de que a empresa concesionaria non puidese realizar as labores de recollida por imposibilidade de acceso aos colectores, as labores de xestión dos residuos deberán ser realizadas por aquel ou aqueles que a imposibilitasen sufragando os custos correspondentes.
8.-          A presenza de automóbiles ou de calquera outro elemento ou circunstancia que imposibilite ou dificulte os labores de recollida será
considerada como infracción grave imputándose a responsabilidade a aquel ou aqueles que a provocaran.
 
 
ART. 23º - OPERACIÓNS QUE COMPRENDE A RECOLLIDA SELECTIVA
1.-          O servizo de recollida selectiva leva consigo a realización das seguintes actuacións:
a)           Traslado e baleirado dos colectores de cada fracción nos vehículos de recollida.
b)           Devolución dos colectores, unha vez baleiros, aos puntos orixinarios, debidamente colocados, coa apertura de tapa cara ao interior da beirarrúa e debidamente suxeitados ou ancorados.
c)            Retirada dos restos vertidos na vía pública como consecuencia destas operacións.
d)           Transporte e descarga dos residuos na Planta de Transferencia de Sogama en Monforte de Lemos.
e)           A este respecto, e para un óptimo funcionamento e adaptación dos horarios precisos e axeitados, promoverase, respectando a normativa, que a recollida e xestión dos residuos e a xestión do punto limpo e a planta de transferencia sexa levada a cabo pola mesma empresa concesionaria.
 
 
 
ART. 24º - OUTRAS RECOLLIDAS ESPECÍFICAS DE RESIDUOS ORDINARIOS
O Concello de Sober poderá establecer, directamente ou como resultado da sinatura de convenios de colaboración, recollidas específicas para xeradores singulares como plasticos agricolas, restos de embalaxes e envases para o comercio, vidro á hostalería e materia orgánica debidamente segregada.
 
ART. 25º - PROGRAMACIÓN DOS SERVIZOS
O Concello de Sober fará pública e divulgará coa suficiente antelación calquera modificación relativa á prestación dos distintos servizos de recollida de residuos urbanos, a excepción das disposicións ditadas en casos de emerxencia.
 
XESTIÓN DOS RESIDUOS URBANOS ESPECIAIS VOLUMINOSOS
 
ART. 26º - CONCEPTO E CLASIFICACIÓN
1.-          Enténdense por tales os residuos urbanos integrados por electrodomésticos, mobles, colchóns, somieres e trastes vellos provenientes das actividades domésticas de reparación ou substitución do equipamento da vivenda e que polo seu tamaño ou características morfolóxicas especiais non poden ser retirados polo servizo de recollida convencional, sendo necesario un servizo de recollida específico.
 
ART. 27º - XESTIÓN DOS VOLUMINOSOS
1.-          As persoas que desexen desprenderse de residuos domésticos voluminosos poden facer uso de:
a)           punto limpo nos horarios de atención ao público para esta clase de residuos.
b)           O servizo especial de recollida de voluminosos regulado no artigo seguinte, e que implica a recollida destes residuos na vía pública.
Queda expresamente prohibido o depósito destes residuos en vía pública sen comunicación previa ao teléfono do concello e logo de confirmación do depósito tal e como se dispón no artigo seguinte. Tal feito será considerado como falta grave.
 
ART. 28º - SERVIZO ESPECIAL DE RECOLLIDA DE VOLUMINOSOS
1.-          Este servizo funciona cunha programación axeitada as necesidades.
2.-          Non se permite o depósito daqueles elementos para o manexo dos cales sexa necesario o emprego de medios mecánicos tales como grúas, poleas, etc., ou aqueles que non estean preparados para o seu inmediato traslado. Nestes casos, o propietario ou posuidor destes deberá xestionalos pola súa conta.
3.-          O usuario do servizo colocará os residuos sobre a beirarrúa, ao lado dos colectores domiciliarios colectivos máis próximos e nos horarios e días acordados co servizo de atención telefónica municipal, para que poidan ser retirados pola empresa concesionaria.
4.-          Calquera posuidor destes residuos que desexe utilizar o servizo, deberá chamar ao teléfono de atención municipal indicando o seu nome, domicilio, teléfono de contacto e realizando unha descrición dos residuos que desexa depositar en vía pública.
5.-          Na comunicación telefónica informarase do día e da hora para depositar o residuo.
6.-          Os residuos voluminosos provenientes de actividades comerciais, de servizos, ou doutros establecementos públicos ou privados non poderán utilizar este servizo salvo autorización expresa do Concello de Sober
 
ANIMAIS DOMÉSTICOS MORTOS
 
ART. 29º - RESPONSABILIDADE
Os titulares dos animais domésticos mortos deberán facerse cargo da xestión do seus cadáver ou resto, abanando os custos derivados destes servizos.
 
ART. 30º - PROHIBICIÓNS E OBRIGAS
1.-          Queda expresamente prohibido:
a)           abandonar ou depositar cadáveres ou restos de animais na vía pública, soares e calquera clase de terreo público ou privado.
b)           depositar cadáveres de animais nos colectores de residuos ou nos de obras, e nas súas proximidades, así como nas papeleiras.
1.-          Deberá comunicarse ao Concello o achado dun animal morto na vía pública, ben a través do teléfono do Concello ou por calquera outro medio.
 
RESIDUOS DE CONSTRUCIÓN E DEMOLICIÓN E DE OBRAS EN XERAL
 
ART. 31º - PROHIBICIÓNS
Prohíbese, expresamente, o depósito directo, abandono e vertedura dos residuos de construción e demolición e de obras en xeral en:
a)           A vía pública, marxes dos ríos, estradas ou camiños, soares e terreos públicos que non fosen expresamente autorizados para tal finalidade.
b)           Terreos de propiedade particular, agás nos casos nos que o seu propietario ou posuidor dispoña da obrigada autorización emitida pola autoridade competente que deberá acreditarse ante as Autoridades Municipais. A falta de autorización, os propietarios ou posuidores responderán solidariamente cos causantes dos danos que o depósito, abandono ou vertedura destes residuos poidan producir ao medio, ou que menoscaben a hixiene ou ornato público.
 
ART. 32º - RESIDUOS PROCEDENTES DE OBRAS MENORES DE CONSTRUCCIÓN E REPARACIÓN DOMICILIARIA.
1.-          Prohíbese o depósito de residuos procedentes de obras menores de construción ou de reparación domiciliaria na vía pública e nos colectores de uso colectivo situados na vía pública.
Estes residuos só poderán depositarse na vía pública si se utilizan colectores adecuados, para cuia instalación haberá de solicitarse autorización ao Concello e cumprir os requisitos e condicións establecidos por este. Non sobresaíndo destes en ningún caso, ningún residuo. Deben permanecer tapados todo o tempo que sexa posible.Cando os colectores se atopen cheos de escombros procederase, nun prazo non superior a 48 horas, á súa retirada e substitución por outros baleiros.
2.-          Os produtores ou posuidores destes residuos poderán desprenderse deles no punto limpo, cando o volume a depositar non supere a cantidade de 250kg.Por enriba desas cantidades, o produtor ou posuidor deberá facerse cargo da súa xestión contratando ao efecto un xestor autorizado.
 
ART. 33º - RESIDUOS DA CONSTRUCCIÓN E DA DEMOLICIÓN.
1.-          Os titulares das obras deberán cumprir co disposto na normativa galega relativa aos residuos de construción e demolición e obter a autorización administrativa previa e inscrición no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Galicia.
2.-          Os produtores ou posuidores de residuos de construción e demolición que non se fagan cargo directamente da xestión dos seus residuos e os entreguen a terceiros que non ostenten a condición de xestores autorizados para a súa recollida, transporte e/ou tratamento, e inscritos no Rexistro de Xestores de Residuos Municipais, responderán solidariamente con aqueles de calquera dano que poida producirse pola incorrecta xestión dos residuos.
Os escombros ou desfeitos procedentes de obras ou derrubos, así como as terras procedentes de baleirado ou movementos de terras, deberán de eliminarse con medios propios polos interesados, que os depositarán nos lugares específicos a este fin.
Cando se realicen pequenas obras na vía pública, os materiais sobrantes e os escombros deberán ser retirados na semana seguinte ao remate dos traballos, deixándoos mentres tanto debidamente apilados ou amontoados, de xeito que non se perturbe a circulación de peóns e de vehículos. Nas obras nas que se produzan cantidades de escombros superiores a un metro cúbico, deberán de utilizar , para seu almacenamento na vía pública, colectores específicos amparados pola correspondente autorización, realizándose a retirada destes pola empresa responsable dos colectores e facéndose cargo  de todos os gastos os responsables das obras.
 
ART. 34º - OUTROS RESIDUOS ESPECIAIS
Os residuos procedentes de actividades circenses, ou outros espectaculos especiais, deberán depositarse en colectores específicos contratados polos empresarios ao efecto; estes asumirán tódolos custos que conleven, así como a recollida de carteleira e demais que podan quedar situados na vía pública.
 
 
TRATAMENTO E VALORIZACIÓN DOS RESIDUOS
 
ART. 35º - SISTEMAS DE TRATAMENTO
O Concello de Sober ou as empresas concesionarias, levarán os seus residuos a tratar á Planta de tratamento ou xestor final autorizado para as necesidades do servizo onde se garanta unha operativa adecuada para a clasificación, tratamento e valorización dos residuos urbanos baseada na xerarquía de opcións de xestión para o tratamento de residuos que comprenda, por esta orde, as operacións de reutilización de materiais, reciclaxe, aproveitamento enerxético dos compoñentes e, por último, a eliminación final polo método máis adecuado, xa sexa incineración ou en vertedoiro controlado, dos rexeitamentos do sistema de tratamento.
 
 
 
DISPOSICIÓNS XERAIS
 
ART. 36º - RESPONSABILIDADE
1.-          As accións ou omisións que contraveñan o establecido neste Regulamento xerarán responsabilidade administrativa, sen prexuízo da civil ou penal que, se é o caso, que puidese ser esixible.
2.-          As responsabilidades derivadas do incumprimento do disposto no presente Regulamento serán esixibles non só por actos propios, senón tamén
polos daqueles de quen se deba responder, de conformidade co disposto na lexislación vixente e na presente Regulamento.
3.-          Cando existan varios responsables e non sexa posible determinar o grao de participación de cada un deles na comisión da infracción, a responsabilidade esixirase solidariamente.
4.-          Cando os danos causados se produzan por acumulación de actividades debidas a diferentes persoas, poderá imputarse individualmente esta responsabilidade e os seus efectos económicos sempre que fose posible coñecer o grao de implicación de cada
unha.
5.-          Cando se trate de obrigas de carácter colectivo, tales como a limpeza, mantemento e conservación de zonas comúns, a responsabilidade esixirase á correspondente comunidade de propietarios ou habitantes do inmoble se esta non estivese constituída.
 
ART. 37º - INSPECCIÓN.
1.-          Corresponde ao Concello de Sober a vixilancia para o cumprimento do disposto no presente Regulamento.
2.-          De conformidade coa lexislación aplicable, os Servizos Municipais gozarán, no exercicio das súas funcións, da consideración de axentes de autoridade, estando facultados para acceder, sen previo aviso e tras ser identificados, ás instalacións nas que se desenvolvan actividades reguladas neste Regulamento.
3.-          Os cidadáns están obrigados a prestar toda a colaboración aos exames, controis, tomas de mostras, recollida de información, indagacións ou investigacións realizadas polos inspectores ambientais, co fin de permitir a recollida de información necesaria para o cumprimento das súas funcións.
 
RÉXIME SANCIONADOR:
 
ART. 38º - INFRACCIÓNS.
A - Constitúen infraccións moi graves:
1) a reincidencia na comisión de tres faltas graves no período de dous anos;
2) a realización de actividades de recollida, transporte, aproveitamento ou depósito de lixos sen autorización ou licenza;
3) a obstrución ou impedimento ó labor inspector do concello; e
4) o vertido de lixos e refugallos en lugares non autorizados.
 
B - Constitúen infraccións graves:
1) a reincidencia na comisión de tres faltas leves no período de dous anos;
2) a realización de actos de manipulación ou deterioración do equipamento de recollida de lixo;
3) a realización, sen permiso do Concello de actos de propaganda mediante repartimento ou lanzamento de carteis ou folletos en vías e espazos públicos;
4) o incumprimento das normas sobre depósito e retirada de cascallos nas vías públicas;
5) a colocación de carteis e a realización de inscricións e pintadas en lugares non permitidos; e
6) o abandono de mobles, animais mortos ou automóbiles nas vías ou nos espazos públicos.
C - Constitúe infracción leve calquera outro incumprimento das disposicións deste regulamento que non estea cualificado como moi grave ou grave.
 
ART. 39º - SANCIÓNS
As faltas cometidas polos usuarios do servizo serán sancionadas, logo do expediente instruído para o efecto en que se lle dará audiencia ao interesado pola Alcaldía e do seguinte xeito:
- Coa imposición dunha multa de 30 a 100 € para as infraccións leves.
- Coa imposición dunha multa de 101 a 300 € para as infraccións graves.
- Coa imposición dunha multa de 301 a 600 € para as infraccións moi graves.
 
ART. 40º - ACCIÓN PÚBLICA
Calquera persoa poderá denunciar ante o concello as infraccións contra o presente regulamento e as disposicións específicas sobre a materia.
 
ART. 41º - PROCEDEMENTO SANCIONADOR
1. Para impor unha sanción derivada de infracción moi grave ou grave deberase tramitar o oportuno expediente sancionador, de conformidade co que dispón a Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e a súa normativa complementaria.
2. A sanción de faltas leves tamén se imporá de acordo coa normativa sinalada no parágrafo anterior e tramitarase un procedemento abreviado no que se lle dará, en todo caso, audiencia ó interesado.
 
 
DISPOSICIÓN DEROGATORIA
Quedan derogadas cantas disposicións municipais contradigan o disposto no presente Regulamento.
 
 

 
 
Historia do Concello
  Historia
  Patrimonio
  Medio Natural
  Lendas
  Situación
Concello de Sober
  Alcaldía
  Corporación Municipal
  Normativa Municipal
  Secretaría
  Contacto
Servizos do Concello
  Enlaces
  Axenda
  Télefonos
  Transporte Público
Oficina de Turismo
  Rutas
  Aloxamentos
  Festas
  Miradores turísticos Qcalidad
  Galería Fotográfica
Novas do Concello
As Nosas Parroquias
O Viño e Adegas
  O Viño
  Adegas
Nota Legal · Política de Privacidade · Política de Cookies
CONCELLO DE SOBER · RIBEIRA SACRA · AYUNTAMIENTO DE SOBER
Praza Campo da Feira s/n · 27460 · Sober · Lugo · 982 46 00 01 · 982 46 00 05
PO FSE Galicia 2014 -2020
"Invierte en tu Futuro"
Uni?n Europea
Publicado el 18 de Nov. de 2020
Feder Galicia
 
Feder Galicia
 
Moves

prodesin.com