www.concellodesober.com Galego | Castellano  

TopMenu
cuadritos INICIO
cuadritos SOBER
cuadritos 1- Historia
cuadritos 2- Patrimonio
cuadritos 3- Medio Natural
cuadritos 4- Lendas
cuadritos 5- Situación
cuadritos CONCELLO
cuadritos PARROQUIAS
cuadritos TURISMO
cuadritos NOVAS
cuadritos O VIÑO
cuadritos OLERIA DE GUNDIVOS
cuadritos BANDA DE MUSICA
cuadritos SERVIZOS
PieMenu

  cuadro Axenda      curvaloca

 PATRIMONIO HISTÓRICO-ARTÍSTICO
Igrexa de Bolmente
Igrexa de Bolmente

Nas terras de Sober encontramos restos artísticos que van desde os tempos protohistóricos ata a época moderna. Os homes neolíticos e da idade dos metais coas súas insculturas e as súas construcións megalíticas deixaron claras pegadas da súa presenza por estes lugares. A cultura castrexa foi unha das que tivo maior presenza en Sober. De feito os primeiros soberinos pertenceron a algunha das tribos que Plinio denominou Lémavos e que se situaban no que hoxe é a Comarca de Lemos. Os romanos, que entraron polo curso fluvial do río Sil, tamén deixaron a súa pegada en Sober, aínda que en menor medida. Tamén o fixeron os suevos e os musulmáns.

Pero foi o románico, como cultura e estilo artístico, o que maior pegada deixou nas ribeiras do Sil, leito fluvial do que Sober é un dos seus fillos. O fenómeno da peregrinación a Santiago propiciou a afluencia de xente a Galicia, alcanzando unha gran transcendencia no século XII. A ruta fixa que seguían os peregrinos desde Francia, aínda que había varios itinerarios, denominouse Camiño de Santiago.

Fachada Románica ( Canaval )
Fachada Románica
(Canaval)

A partir do século XI os monarcas dos diferentes reinos polos que cruzaba o camiño, así como as ordes relixiosas, encargáronse de construír e mante-las infraestruturas que facían posible a peregrinación, en especial, pontes e hospitais. O tránsito continuado de persoas por esta ruta favoreceu o tráfico comercial e de ideas. Exercían tamén un labor colonizador das terras deshabitadas. Nacen novos burgos e vilas e o clero levanta ermidas, capelas e igrexas para atende-las necesidades do culto. Polo Sil entrou en Sober a cultura románica que incorporou, ás formas e ideas autóctonas, os novos esquemas procedentes de Europa e do norte peninsular. As igrexas de Canaval, Proendos, Lobios e Pinol, entre outras, son froito en Sober da etapa florecente que representou para Galicia o fenómeno das peregrinacións.


Escudo del palacio de Sober
Escudo palacio
de Sober

Petróglifo de Figueiroá e Proendos.
Na parroquia de San Salvador de Figueiroá, no monte denominado dos Cótaros, consérvase nunha pena unha singular escultura rupestre ou petróglifo, de formas circulares, moi similares ós do Xestal na veciña parroquia de Proendos. Aquí nas pedras denominadas das Portelas, Xestales, do Cabalo, Toxaes e Palomar tamén hai insculturas prehistóricas de forma circular.

Igrexa de Santa María de Bolmente
Bolmente é unha parroquia situada ó sur do termo municipal, linda co río Sil. No século IX aparece esta freguesía, citada nunha doazón feita ó mosteiro ourensán de Santa Cristina de Ribas de Sil. Exercían o señorío xurisdicional os Condes de Lemos.

A igrexa de Bolmente, de probable orixe románica, foi reconstruída a finais do século XVIII, conserva restos de traza románica na estrutura da nave central e nas outras partes do templo. É de planta basilical con tres naves e unha aparatosa espadana na súa fachada. Da época románica conserva cinco caneiros lisos no alzado sur da ábsida, unha seteira no testeiro e o arco triunfal do interior.

Este exemplar de igrexa rural é a antesala das excepcionais paraxes do río Sil, en especial do seu impresionante canón que neste punto alcanza as cotas máis altas. O encaixe do Sil por esta zona divísase, de forma privilexiada, desde os miradoiros construídos polo Instituto Nacional para a conservación da natureza.

Seguinte
[+]1
[+]2
[+]3
[+]4
[+]5
[+]6
[+]7
 
pie