www.concellodesober.com Galego | Castellano  

TopMenu
cuadritos INICIO
cuadritos SOBER
cuadritos CONCELLO
cuadritos PARROQUIAS
cuadritos TURISMO
cuadritos NOVAS
cuadritos O VIÑO
cuadritos OLERIA DE GUNDIVOS
cuadritos BANDA DE MUSICA
cuadritos SERVIZOS
PieMenu

  cuadro Axenda      curvaloca

 OLERÍA DE GUNDIVÓS
“Ao pasar por Gundivós
o primeiro que se ve
son as olas a secar
e os fornos a cocer”


Esta copla popular deixou de ter plena validez hai case trinta anos, cando a modernidade e os apuros económicos afectaron tamén á parroquia de Gundivós provocando unha forte emigración.

Aínda así, o amor dos oleiros polo seu oficio e o recoñecemento dos decoradores conseguiron que esta tradición non chegase a morrer. Hoxe o futuro empeza a ser esperanzador, catro artesáns dedícanse á realización de cacharros.

Os oleiros de Gundivós centráronse na realización de pezas que tiñan unha utilidade práctica para a xente da comarca de Lemos. Así, as súas vasillas están pensadas para ser utilizadas na cociña, na bodega e nas matanzas, fundamentalmente. Tampouco faltaban os remates para os tellados, que eran considerados símbolos de fertilidade.

A principal característica desta olería é que as pezas destinadas a estar en contacto co viño impermeabilizábanse con pez. Este procedemento, único na cerámica galega e practicamente na española, segundo os oleiros, servía ademais como conta a tradición popular para mellora-lo sabor das bebidas. Tal vez é por iso que os xerros de Gundivós no faltan aínda hoxe en ningunha bodega. As pezas encetadas non poden estar en contacto con líquidos quentes nin con alcohois fortes, como a augardente, xa que a capa de pez derreteríase.

A pez aplícase unha vez que a peza está cocida. Para iso exponse directamente ó lume, de forma que a calor derrete o po de pez formando no interior das pezas unha capa brillante e de cor negro. A parte de fóra tamén queda moura debido ós efectos do fume.

Este negro exterior é outra das características da cerámica de Gundivós, altamente apreciada na actualidade para fins decorativos. Por iso os artesáns de hoxe lle dan esta cor practicamente á totalidade das súas pezas, independentemente de que estean ou non empezadas.
Tradicionalmente, a cor das pezas que non se impermeabilizaban era rubio.

Esta nova utilización da cerámica de Gundivós fixo tamén amplia-la diversidade de pezas xa que xunto ás utilitarias estanse fabricando outras exclusivamente con fins decorativos. As novas pezas están inspiradas en vasillas tradicionais e normalmente realízanse por encargo.

A cerámica de Gundivós véndese agora mesmo nas mellores tendas de decoración de toda España. Tamén se vende nas casas dos propios oleiros.


[+]1
[+]2
[+]3
[+]4
[+]5
[+]6
 
pie