SEDE ELÉCTRONICA
 
 
A BANDA DE MÚSICA
 
 

Dous séculos de tradición musical viva

A banda de música de Sober, con 130 anos, é das máis antigas de Galicia.
O Concello de Sober ten varios símbolos moi característicos que destacan amplamente sobre as outras marabillas do concello e que son tamén estandarte do Val de Lemos e da provincia de Lugo. O viño de Amandi, o Canón do Sil, a cerámica de Gundivós e a banda de música de Sober son quizais os máis destacados. Dentro desta agrupación musical é popular o dito "Sober, terra de músicos".

A historia musical de Sober é sen dúbida unha envexa para calquera concello de Galicia, pero tendo en conta que o presente musical desta terra goza de moi boa saúde todo parece indicar que o futuro está asegurado e ocupará lugares destacados na música galega.

Ó falar da historia musical desta "terra de Amandi", debémonos fixar principalmente a partir de finais do século XVIII e principios do XIX, aínda ben, todo parece indicar que en etapas anteriores esta terra gozou xa de músicos propios. Na idade media a proliferación de mosteiros, priorados, capelanías e outras entidades relixiosas por esta comarca indícannos que a música ocupaba un lugar privilexiado.

A finais do século XVIII o Concello de Sober contaba con 10 000 habitantes e o número de ruadas ou festas nos máis de 400 núcleos de poboación con que contaba este termo municipal, xunto cos bailes que se organizaban nos pazos e nas casas grandes, facía que os pequenos grupos musicais -propios da época– ou os músicos solistas -gaiteiros, acordeonistas, zanfoneiros etc.- existisen en abundancia en Sober.

O momento máis importante da historia musical de Sober podemos datalo no ano 1869, ó regresar dunha banda militar de Pamplona Casimiro Pérez López alcumado "O Chá". Este veciño de Canaval xuntou varios músicos principalmente de Vilaescura, Telleiros, Canaval, Proendos e Sober; empezou a ensinar solfexo e organizou o que foi a primeira banda de música cun director ó fronte. Dise que "O Chá" marchou ó exército sen coñecementos musicais teóricos. As súas condicións musicais eran tales que de neno xa facía instrumentos musicais de vento.

No exército formouse musicalmente e chegou a ser un profesional con soldo propio. Regresou a Canaval por medo a represións ó deixar unha muller embarazada. Ó cabo duns meses aquela muller apareceu en Canaval coa que se casaría máis tarde. Deste matrimonio só naceu unha filla. Foi nese momento cando xuntou a tódolos músicos e lles ensinou o que el aprendera. Nace así a primeira banda de música de Sober.

Desa primeira formación musical destacaron, entre outros, músicos como Camilo Pérez e Andrés Rodríguez, este último emigrou a Cuba e alí chegou a ser director da Banda Mmunicipal da Habana. En 1915 regresou de Cuba Andrés Rodríguez e forma unha banda de nenos coñecida pola "Música Nova" ou "A Banda de Andrés". Uns anos antes "O Chá" fora substituído por Camilo Pérez, "O Matela", así a banda antiga continuaba existindo co nome da "Música Vella" ou a "Banda de Matela".

Por esa mesma época acababa de formarse na parroquia de Santa Cruz de Brosmos outra banda de música que se coñecía como "A Banda do Pomares". Esta terceira banda incorporou a Andrés Rodríguez como profesor de música, sendo substituído máis tarde polo seu irmán Amancio Rodríguez, este ós poucos anos deixou á súa fronte ó seu fillo tamén chamado Amancio. A Amancio fillo sucedeulle Sergio Rodríguez -falecido en xaneiro do 1998-, e que ocupou a dirección desta banda durante moitos anos nas épocas máis difíciles, ensaiando na súa propia casa onde ó mesmo tempo formou a máis dun centenar de mozos. Durante máis de tres décadas funcionaron tres bandas de música en Sober.

Antes da guerra "incivil" as dúas bandas de Sober únense formando un grupo de máis de 50 elementos, ó tempo que a de Santa Cruz continúa co seu labor. Durante a guerra non había festas, pero os músicos non chamados a filas xuntábanse de vez en cando para ensaiar. Despois da guerra reorganízanse as bandas de Sober e a de Santa Cruz. Cara ó ano 1960 a banda de Sober desfaise por falta de elementos e a causa, principalmente, da formación de orquestras de baile. Quedando soamente a banda de Santa Cruz de Brosmos.

Ademais dos directores citados foron parte moi importante da historia das bandas de Sober José Ramón López, "O Cuñas", e Tadeo Guitián. Ambos xa xubilados das súas profesións organizaron no 1975 unha escola de música que aínda hoxe continúa viva e que foi o xerme do presente musical de Sober. Axudoulles moito Heriberto Pérez que fora o subdirector da banda de Sober en moitas ocasións. Tadeo e José Ramón foron directores da Banda de Sober de mozos, de maduros e de vellos.

Desde 1975 compartiron a dirección da banda e a formación de músicos ata os seus últimos días de vida.

En 1975, ó formarse a Escola de Música de Sober e ó incorporarse un bo número de nenos da capital do concello e de Proendos, a banda de Santa Cruz pasa a denominarse Banda de Música de Sober. Da escola saen tódolos anos mozos educados. Fai unha década que o número de rapazas está superando ó de rapaces.

Na actualidade e escola conta con sete profesores e máis dun centenar de alumnos. Foi recoñecida oficialmente pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Outros directores que pasaron polas bandas deste concello antes do 1975 foron: Antonio Pérez Rey, Pedro Garcés, Antonio Taibo, Bernardo Cortés, Pedro Rubio, Salvador Sánchez ou Antonio Rodríguez Guitián - sobriño de Tadeo -.

No 1985 fíxose cargo da banda Alfonso González Fernández, "O Casete". Con Alfonso González a Banda de Sober actuou no programa "Gente Joven" de TVE, e actuou en Valladolid, Cornellá ou Madrid entre outros lugares. No ano 1988 foi un monfortino ex-compoñente da banda do Xeneralísimo quen dirixiu a banda ata o ano 1989, Julio Dopacio.
 

Entre 1989 e 1991 ocupou a dirección Nicanor Domínguez Cid, profesor de clarinete do Conservatorio de Ourense e membro da Banda Municipal de Ourense. Entre 1991 e 1993 fíxose cargo da banda un destacado membro dela, Alfonseo Campos Pérez, iniciado musicalmente na primeira promoción da escola de música no 1975. Hoxe continúa ó pé do canón como membro da banda da que é fillo musical ó tempo que dirixe a Coral RENFE de Monforte, a Coral de Bóveda e imparte clases na Escola Municipal de Música de Quiroga e na propia Escola de Música de Sober. Alfonso Campos foi substituído no 1993 por Jesús López Prado, un novo músico sarrián. Na actualidade comparte o ensino de clarinete no Conservatorio de Música de Lugo coa dirección da banda de música de Melide. Desde 1997, ata o 2002 estivo ao fronte da banda Luis Fernández Guitián, integrante da banda desde 1975 -tamén pertence, como Alfonso Campos, á primeira fornada da escola de música-. O seguinte director foi Carlos Dieguez Beltran, trombonista formado na Escola de Musica de Sober, sustituiuno o profesor de tuba Miguel Rodriguez Barrio e actualmente o director e o tamen profesor de tuba Miguel Franqueiro Becerra.

A Banda de Sober actuou en varias ocasións para distintas televisións. Na súa longa vida actuou en directo para personaxes relevantes como o rei Alfonso XIII, o líder cubano Fidel Castro, tódolos presidentes cos que contou a Xunta de Galicia, o ex-presidente Calvo Sotelo, etc.

Destacan nesta formación musical: o primeiro premio das festas de San Froilán do 1919 en Lugo; o segundo das festas do Hábeas de Ourense non 1933; actuacións en Barcelona, Valladolid, Madrid, Oviedo, Zamora, a práctica totalidade dos concellos de Galicia e moitos de Asturias e Castilla-León. Ten editados dous discos: un LP con dez temas galegos (1984) con Dial discos e unha casete na colección Fonoteca 92 de "El Correo Gallego".

A banda organizou multitude de actuacións benéficas, entre as que destacan bailes anuais para a terceira idade, un concerto para as monxas de clausura de Pantón ou a organización dun festival Pro-Ruanda.

En 1994 la Banda de Sober celebró llena de vida su 125 aniversario con una importante serie de actos entre los que destacó una reunión de todos los músicos vivos que pasaron por alguna de las bandas con que contó el ayuntamiento y que reunió a más de 200.

Este ano a banda recibiu o premio Lucense del Año. Entre os moitos agasallos e felicitacións destacou o poema que "O poeta da Terra Chá" e "Amigo de honra da Banda de Sober", Manuel María, dedicou a este colectivo musical e que di:

 

Banda de Sober, os anos
Déronche o son do sublime
Que purifica e redime
Os sentimentos humanos.

Qua a tua arte musical,
Tal como nos as queremos,
¡ atopou no Val de Lemos
o seu pais natural...!

a música é a certeza,
o prodixio, a levedade
e la voz da natureza.

A música, coa sua pureza,
¡ lévanos a soedade ¡
e trainos sempre a beleza!
 

 


 

 
 
Historia do Concello
  Historia
  Patrimonio
  Medio Natural
  Lendas
  Situación
Concello de Sober
  Alcaldía
  Corporación Municipal
  Normativa Municipal
  Secretaría
  Contacto
Servizos do Concello
  Enlaces
  Axenda
  Télefonos
  Transporte Público
Oficina de Turismo
  Rutas
  Aloxamentos
  Festas
  Miradores turísticos Qcalidad
  Galería Fotográfica
Novas do Concello
As Nosas Parroquias
O Viño e Adegas
  O Viño
  Adegas
Nota Legal · Política de Privacidade · Política de Cookies
CONCELLO DE SOBER · RIBEIRA SACRA · AYUNTAMIENTO DE SOBER
Praza Campo da Feira s/n · 27460 · Sober · Lugo · 982 46 00 01 · 982 46 00 05
PO FSE Galicia 2014 -2020
"Invierte en tu Futuro"
Uni?n Europea
Publicado el 18 de Nov. de 2020
Feder Galicia
 
Feder Galicia
 
Moves

prodesin.com