www.concellodesober.com Galego | Castellano  

TopMenu
cuadritos INICIO
cuadritos SOBER
cuadritos 1- Historia
cuadritos 2- Patrimonio
cuadritos 3- Medio Natural
cuadritos 4- Lendas
cuadritos 5- Situación
cuadritos CONCELLO
cuadritos PARROQUIAS
cuadritos TURISMO
cuadritos NOVAS
cuadritos O VIÑO
cuadritos OLERIA DE GUNDIVOS
cuadritos BANDA DE MUSICA
cuadritos SERVIZOS
PieMenu

  cuadro Axenda      curvaloca

 LENDAS
A MOURA DOS CÓTAROS


PETROGLIFO DOS CÓTAROS

Íamos polo camiño de Mer ós Cótaros en leda parola. A broza invadírao parcialmente e ameazaba con pechalo, como xa o están moitos na parroquia. A unha beira, sobre unha pedra, a camisa dunha cobra revivía no maxín ancestrais temores xurdidos do inconsciente colectivo da nosa especie. O Gonzalo do Cuñas, retranqueiro e falador, pillouna coa punta do caxato, case con indiferencia, e dixo:

— Que bo caldo para unha recén parida daba a dona.

Seguimos falando de brevaxes e pratos saborosos, coma uns fritos de lagarto arnal co seu mollo, ou estufado de gato daquela época heroica da posguerra, e as diferencias das súas costelas coas de coello: redondas unhas, planas as outras.

— Tamén o unto de cobra e bo remedio para a reuma, a máis de poderlle comer a carne—, asegurou.

Estas e outras exquisiteces gastronómicas leváronnos ó pé dun castiñeiro, deses que ensinan impúdicamente o seu ventre centenario roído polos dentes do tempo, devastador incansable de cerne e nobreza. Alí estaba orgulloso prometendo unha boa castañeira para o outono.

— Á esquerda —dixo o Gonzalo, sinalando co fouciño a un eido cheo de fentos debaixo do camiño—, foi onde a moura colleu o penedo que vamos ver á devesa da Purita do Gorrión

— ¿Como? —preguntei incrédulo.

— Eí hai unha fonte —aclarou—, hoxe tapada pola maleza… inda se ve a humidade. A moura tentaba coller auga, pero estorbáballe unha pedra grande; arrincouna, púxoa na cabeza e carrexouna para onde está agora.

— ¡Arre carallo! —exclamei.

— Polo camiño —proseguiu— encontrou a un pequeno e deulle carbóns que logo ó chegar á casa volvéronse ouro… Esto contoumo o avó do Camilo de Froxán.

Mirei para o castiñeiro como agardando algún comentario; máis só alcancei a ver un lixeiro estremecemento de follas. Falando da propiedade da fonte (do Rolintes, ó parecer), deixamos o camiño xa a duras penas transitable, e torcemos á esquerda na procura da pedra dos Toxaes. Andamos entre castiñeiros, carballos, toxos, silvas, xestas, codesos e algún piñeiro, baixo o cal as piñas, roídas polos esquíos, semellaban obras de arte espalladas polo chan. Despois dalgunha vacilación naquela mesta gamalleira, sentino falar de novo, con voz entrecortada polo esforzo.

— Velaí onde veu pousar a moura o penedo —dixo sinalándoo.

Sen dubida, pensei eu ó velo, a moura posuía poderes sobrenaturais para cargar con semellante mole.
Contoume aquel entrañable personaxe de corpo enxuto e pelo cano, que os nenos do seu tempo gastaron moitos pantalóns xogando a esvarar pola pedra embaixo; e tamén que era un lugar de encontros amorosos; ensinoume as marcas dos canteiros no intento de fendela (ben puido ser arrincado de aquí o petroglifo de Forxán).

A mediados dos anos corenta diste século, Manuel Vázquez Seijas achegouse ata o lugar e deu conta, no “Boletín de la Comisión Provincial de los Monumentos de Lugo”, dos petroglifos atopados (sucos,coviñas,círculos concéntricos); mensaxes aínda indescifrados que agochan as teimas dunha época na que o home lía nas estrelas e escribía nas pedras.

Despois de sacarlle unha foto ó Gonzalo detrás da pedra, invadidos polo inefable sentimento de misterio e a maxia do lugar; despois de unxirnos da mística dos enigmas, transmitidos de boca a boca a través dos milenios; de escoitar, sen palabras, a poesía da imaxinación, voltamos, sobre os nosos pasos ata Mer. Cando vin de novo a camisa da serpe, agora sobre a parede, lembróuseme a moura da tapada do Almestro de Sober ó Vello, e pensei que ben podía andar por aquí tamén.

*Gonzalo do Cuñas de Mer--- Proendos---30-VIII-1996.

Voltar


[+]1
[+]2
[+]3
[+]4
[+]5
[+]6
 
pie