www.concellodesober.com Galego | Castellano  

TopMenu
cuadritos INICIO
cuadritos SOBER
cuadritos CONCELLO
cuadritos PARROQUIAS
cuadritos TURISMO
cuadritos NOVAS
cuadritos O VIÑO
cuadritos OLERIA DE GUNDIVOS
cuadritos BANDA DE MUSICA
cuadritos SERVIZOS
PieMenu

  cuadro Axenda      curvaloca

 BANDA DE MÚSICA
Dous séculos de tradición musical viva

A banda de música de Sober, con 130 anos, é das máis antigas de Galicia.
O Concello de Sober ten varios símbolos moi característicos que destacan amplamente sobre as outras marabillas do concello e que son tamén estandarte do Val de Lemos e da provincia de Lugo. O viño de Amandi, o Canón do Sil, a cerámica de Gundivós e a banda de música de Sober son quizais os máis destacados. Dentro desta agrupación musical é popular o dito "Sober, terra de músicos".

A historia musical de Sober é sen dúbida unha envexa para calquera concello de Galicia, pero tendo en conta que o presente musical desta terra goza de moi boa saúde todo parece indicar que o futuro está asegurado e ocupará lugares destacados na música galega.

Ó falar da historia musical desta "terra de Amandi", debémonos fixar principalmente a partir de finais do século XVIII e principios do XIX, aínda ben, todo parece indicar que en etapas anteriores esta terra gozou xa de músicos propios. Na idade media a proliferación de mosteiros, priorados, capelanías e outras entidades relixiosas por esta comarca indícannos que a música ocupaba un lugar privilexiado.

A finais do século XVIII o Concello de Sober contaba con 10 000 habitantes e o número de ruadas ou festas nos máis de 400 núcleos de poboación con que contaba este termo municipal, xunto cos bailes que se organizaban nos pazos e nas casas grandes, facía que os pequenos grupos musicais -propios da época– ou os músicos solistas -gaiteiros, acordeonistas, zanfoneiros etc.- existisen en abundancia en Sober.

O momento máis importante da historia musical de Sober podemos datalo no ano 1869, ó regresar dunha banda militar de Pamplona Casimiro Pérez López alcumado "O Chá". Este veciño de Canaval xuntou varios músicos principalmente de Vilaescura, Telleiros, Canaval, Proendos e Sober; empezou a ensinar solfexo e organizou o que foi a primeira banda de música cun director ó fronte. Dise que "O Chá" marchou ó exército sen coñecementos musicais teóricos. As súas condicións musicais eran tales que de neno xa facía instrumentos musicais de vento.

No exército formouse musicalmente e chegou a ser un profesional con soldo propio. Regresou a Canaval por medo a represións ó deixar unha muller embarazada. Ó cabo duns meses aquela muller apareceu en Canaval coa que se casaría máis tarde. Deste matrimonio só naceu unha filla. Foi nese momento cando xuntou a tódolos músicos e lles ensinou o que el aprendera. Nace así a primeira banda de música de Sober.

Desa primeira formación musical destacaron, entre outros, músicos como Camilo Pérez e Andrés Rodríguez, este último emigrou a Cuba e alí chegou a ser director da Banda Mmunicipal da Habana. En 1915 regresou de Cuba Andrés Rodríguez e forma unha banda de nenos coñecida pola "Música Nova" ou "A Banda de Andrés". Uns anos antes "O Chá" fora substituído por Camilo Pérez, "O Matela", así a banda antiga continuaba existindo co nome da "Música Vella" ou a "Banda de Matela".


Seguinte
[+]1
[+]2
[+]3
[+]4
[+]5
[+]6
[+]7
 
pie