|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER MELLORARÁ OS MIRADOIROS DE PENA DO CASTELO E SOUTOCHAO, EN DOADE, E O DOS CHELOS, EN AMANDI
O Goberno local do Concello de Sober mellorará este verán os miradoiros de Pena do Castelo e Soutochao, en Doade, e o dos Chelos, en Amandi. As obras contarán cun presuposto de 45.000 euros e teñen unha axuda de 30.000 euros de Turismo de Galicia a través da convocatoria das subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas.
No caso de Os Chelos e Soutochao trátase de miradoiros non integrados feitos con baldosa ou formigón que necesitan ser reformados para a súa integración na paisaxe. Así, no caso dos Chelos e Soutochao a actuación vai consistir na súa reforma integral.
Van utilizarse materiais nobres, como madeira e granito co obxectivo de que queden integrados na paisaxe igual que o están os miradoiros de Cadeiras ou Santiorxo.
No caso de A Pena do Castelo vai reformarse o cenador que hai na área de descanso. Tamén se acometerá a limpeza integral e a ordenación da zona do miradoiro e a capela.
Nos tres casos se acometerá a ordenación da zona de aparcadoiros. O Concello conta xa con todos os permisos para levar a cabo os traballos.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, salienta a importancia destes traballos “que permitirán incrementar o atractivo da nosa rede de miradoiros, un dos principais reclamos turísticos do noso Concello”.
|
|
|
|
|
|