|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER APROBA UNS ORZAMENTOS NOS QUE PRIMA O GASTO SOCIAL E OS INVESTIMENTOS REAIS
O Concello de Sober aprobou onte os Orzamentos de 2018, unhas contas nas que prima o gasto social e os investimentos reais e que ascenden a 2.948.000 euros, fronte aos 2.551.000 de 2017.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explicou que se trata duns Orzamentos “abertos” con moitas partidas xeneralizadas na práctica totalidade dos departamentos onde pode facerse gasto corrente ou pequenas inversións que se estimen necesarias en cada momento.
O Goberno local destina a gasto social máis de 600.000 euros e algo máis de 1 millón de euros a investimentos reais. Contémplase a ampliación do servizo de Axuda no Fogar, incrementando a plantilla con dúas novas auxiliares e ampliando o número de horas de libre concorrencia. Os traballadores que se citan non están incluídos no Presuposto municipal, polo que se fará a correspondente xeración de crédito en cada caso.
Amplíase ademais a dotación das becas de transporte universitario por segundo ano consecutivo e increméntase a dotación das axudas aos clubs de fútbol, á Banda de Música e ás festas parroquiais.
Importante peso do emprego
O emprego segue a ter un importante peso, 54.000 euros destínanse ao Depuemprego, hai unha asignación para un novo obradoiro de emprego, axudas para emprendedores (mediante a aprobación dunha ordenanza). Ademais contarase co financiamento ao 100% de dous obreiros de Aprol Rural, dous de Risga, 1 socorrista, 1 auxiliar de Protección Civil e 10 integrantes para dúas brigadas antiincendios.
O Concello segue rebaixando a débeda viva, polo que rematará o ano con menos de 100.000 euros, cando en 2012 co plan de pago a provedores a débeda se situaba nos 400.000 euros.
Consígnase unha partida igual que o ano pasado para o mantemento das depuradoras rurais, que están perfectamente atendidas.
No capítulo de inversión destaca a aposta pola ampliación de rede de abastecemento con case 450.000 euros ou a continuación do saneamento de Doade con 75.000 euros.
Destinaranse máis de 300.000 euros para mellora de camiños, (Plan Marco, Axuda da Consellería de Presidencia para a Rúa de Belán, Urbanización no Barrio de Figueiroá con cargo ao ARI ou acceso a viñedos, entre outros).
O Goberno local reserva unha achega de 150.000 euros para o investimento en turismo que dedicará á mellora dos miradoiros de Souto Chao, Os Chelos e Pena do Castelo; así como ao mantemento de todos os recursos turísticos, entre eles á área Arqueolóxica en Proendos.
Non sobe ningún imposto
O Orzamento municipal mantén os impostos nas mesmas taxas que o pasado ano, non sobe nin o prezo da gardería, nin o lixo, o IBI, o imposto de vehículos, a cota da Escola de Música, a auga nin o saneamento.
Cóntase cun aumento dos ingresos por auga e saneamento, por haber máis abonados e unha maior recadación por lixo, posto que se está a levar a cabo un varrido para que todo o mundo pague o seu recibo. Tamén se incrementan as achegas derivadas do IBI cos ingresos por atrasos que fará a Deputación.
A partida do Plan Único destinarase á feira do viño, 5000 euros; a emprego, 54.000 euros; SAF, 26.000 euros e obras de abastecementos de auga, 235.000 euros.
|
|
|
|
|
|