|
|
NOVAS |
UN GRUPO DE 26 ESTUDANTES DE RIBADAVIA REALIZA PRÁCTICAS DE PODA NA VIÑA EXPERIMENTAL DOS CHANCÍS
O Concello de Sober recibiu esta semana a visita de 26 alumnos e alumnas e 4 mestres do IES O Ribeiro, de Ribadavia, que, por segundo ano consecutivo, realizaron prácticas de poda na viña experimental que o Goberno local ten nos Chancís.
En concreto, os rapaces e rapazas levaron a cabo labores propias da poda de inverno, nomeadamente poda a cotón ou pulgar nos sistemas de formación en vaso e cordón. O alumnado volverá a Sober no mes de maio para facer prácticas en enxertos.
Unha das mestras relata que se trata dunha actividade “moi interesante” para o alumnado, máis habituado a realizar poda guyot, diferente á que estes días levaron a cabo na viña experimental. Tamén gardaron varas podadas para volver no mes de maio e poder enxertalas nos bravos dos socalcos. En concreto, farán enxertos de herbácea leñosa e verde-verde.
Os alumnos forman parte do ciclo medio de aceites de oliva e viños e do ciclo superior de vitivinicultura, todos eles do módulo de viticultura do IES de Ribadavia.
Acordo entre o Concello e o IES
O Goberno local do Concello de Sober alcanzou un acordo de colaboración co IES O Ribeiro o pasado ano para que os alumnos e alumnas poidan desenvolver as súas practicas relacionadas coa viticultura na viña experimental dos Chancís, de propiedade municipal.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, agradece este convenio que permite cumprir cun dos obxectivos esenciais da viña e que sirva así como un espazo experimental no que practicar e do que obter interesantes resultados sobre as nosas variedades vitivinícolas.
Achegamento á viticultura heroica
O profesorado valora a experiencia como “moi positiva” e “interesante” para os alumnos, posto que os sistemas de condución e poda son moi diferentes con respecto aos que existen no ribeiro, de onde proceden os alumnos. O alumnado achégase así á viticultura heroica coa visita a unha das zonas con maior pendente da Ribeira Sacra, os Chancís, onde a paisaxe é un espectáculo para todo o que a descobre.
Os alumnos e alumnas que traballan na viña experimental dos Chancís, acondicionada por un obradoiro municipal, ocúpanse das tarefas máis técnicas. A partir de agora e ata o mes de maio será a auxiliar de viticultura coa que conta o Concello a que fará os tratamentos fitosanitarios correspondentes e as labores de mantemento. En maio volverán a Sober para seguir coas súas prácticas e facer os enxertos.
|
|
|
|
|
|