|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER ESÍXELLE Á DEPUTACIÓN DE LUGO A URXENTE CONTRATACIÓN DO DESBROCE DAS ESTRADAS PROVINCIAIS DO MUNICIPIO
O Goberno local do Concello de Sober esíxelle á Deputación de Lugo a urxente contratación do desbroce das estradas provinciais do municipio.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, fai esta petición ante o risco de incendios, a falta de visibilidade que afecta á seguridade viaria e tendo en conta a intolerable imaxe de abandono que se está a da de cara ao turismo. “Todo isto fai que desde o Concello se considere deplorable a situación, polo que se esixe que con carácter de urxencia, se acometan os traballos, tal e como se está a facer nos demais concellos da provincia”.
O Goberno local considera que os traballos deberan ter sido realizados ao máis tardar ao inicio da temporada estival, “posto que en agosto non ten sentido que teñamos que estar a soportar esta situación”.
O rexedor recorda que a Deputación de Lugo conta con 75 quilómetros de estradas da súa titularidade en Sober, entre elas as principais vias de acceso, así como as que conectan cos principais recursos turísticos, como o Canón do Sil, a olería de Gundivós, o románico, os miradoiros, etc..., así como a boa parte das adegas da localidade.
O desbroce municipal, ao 90%
Pola súa banda, o Concello recorda que nas estradas de titularidade municipal, que suman arredor de 500 quilómetros están xa os traballos de desbroce a un 90 por cento. Isto foi posible, explica Guitián, porque os traballos deron comezo a finais de xuño.
O alcalde lamenta que a situación nas estradas provincias se repita practicamente todos os anos. Tanto é así que nalgún casos incluso se fixeron os traballos de desbroce en outubro.
|
|
|
|
|
|