NOVAS DO CONCELLO
 
NOVAS
O MENHIR ‘MARCO DA PEDRA LONGA’ XA ESTÁ NO CENTRO DE RECEPCIÓN DE VISITANTES DE SOBER, ONDE PERMANECERÁ EXPOSTO



O Goberno local do Concello de Sober recibiu onte o Menhir Marco da Pedra Longa, que será rehabilitado no Centro de Recepción de Visitantes nas vindeiras semanas. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia autorizou o cambio de depósito da peza arqueolóxica ubicada dende o ano 2002 no patio do Museo Provincial de Lugo.
 
Os traballos de rehabilitación correrán a cargo de Pepe Barxa, restaurador, quen indica que nas próximas semanas se fará unha limpeza en profundidade da peza para a súa posterior colocación no espazo expositivo. Procederase ao seu adecentamento retirando os musgos e líquenes que acumulou ao estar exposta no exterior.
 
Para esta concesión, dende Patrimonio tívose en conta “a proximidade co lugar do achado” (o lugar da Veiga, na parroquia soberina de Canabal) así como “as circunstancias que fan posible na súa nova ubicación, a súa adecuada conservación e a mellor función cultural e científica”.
 
Dende o organismo autonómico sinalaron que o Centro de Recepción de Visitantes de Sober é un lugar idóneo para a nova ubicación do menhir, pois “reúne as condicións de conservación preventiva axeitadas para os materiais arqueolóxicos que garanten o cumprimento de todas as condicións necesarias para o depósito de este tipo de pezas”.
 
Ademais poñen en valor que o Centro de Recepción de Visitantes “é un edificio de recente construción, aberto ao público con persoal de atención aos visitantes e orientación para as visitas turísticas”. E sinalan que “situado ao pé da Casa do Concello, conta cun horario accesible e regular durante todo o ano para a visita pública e medidas de seguridade para a correcta custodia”.
 
Un atractivo máis para os visitantes
O alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, amosouse moi satisfeito do traslado desta peza “de enorme valor arqueolóxico” ao Concello soberino. E puxo en valor que “este menhir, sen dúbida, se converterá nun atractivo máis para os visitantes que acudan ao noso municipio”.
 
Guitián avanzou que nas próximas semanas se procederá á súa limpeza, consolidación e a musealizalo no Centro de Recepción de Visitantes.
 
Unha peza do Neolítico, que servía de marco
O menhir foi atopado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo durante as tarefas de control arqueolóxico das obras de mellora da vía férrea entre Monforte de Lemos e Canabal. Atopábase caído contra unha pequena canle de regadío no lugar da Veiga, parroquia de Canabal, en Sober.
 
O menhir está realizado sobre unha pedra granítica alongada de sección xeral cuadrangular sen arestas. Mide 176 centímetros de longo e ten un diámetro de entre 110 centímetros na parte superior e 180 centímetros no corpo.
 
No momento no que se atopou estaba caído sobre unha canle de regadío, pero o propietario da parcela asegurou que a peza sempre estivo no lugar, fincada a poucos metros. Nesa zona localízase un linde de parroquias e tamén se atopa preto un límite de concellos, polo que a súa función final sería a de marco de adscrición medieval. E ao parecer, xa nos documentos antigos se sinalaba esta pedra como o límite entre as propiedades da Casa dos Andrade e a Casa de Tor ou da Bastida.
 
Ademais, e segundo a súa morfoloxía, os expertos aseguran que se trataría dun menhir do Neolítico.
 

 
 
Historia do Concello
1·Historia
2·Patrimonio
3·Medio Natural
4·Lendas
5·Situación
Concello de Sober
1·Alcaldía
2·Corporación Municipal
3·Normativa Municipal
4·Secretaría
5·Contacto
Servizos do Concello
1·Enlaces
2·Axenda
3·Télefonos
4·Transporte Público
As Nosas Parroquias
 
Oficina de Turismo
1·Rutas
2·Aloxamentos
3·Festas
4·Galería Fotográfica
Novas do Concello
 
O Viño e Adegas
1·O Viño
2·Adegas
CONCELLO DE SOBER · RIBEIRA SACRA · AYUNTAMIENTO DE SOBER
Praza Campo da Feira s/n · 27460 · Sober · Lugo · 982 46 00 01 · 982 46 00 05
prodesin.com