SEDE ELÉCTRONICA
 
 
NOVAS DO CONCELLO
 
NOVAS
PREGÓN DA FESTA DA CEREIXA DE RIBAS DE SIL



Alcalde e Corporación de Ribas do Sil,  deputados, compañeiros alcaldes e concelleiros da comarca, veciñas e veciños de Ribas de Sil, amigas e amigos da mellor cereixa e do mellor aceite.

 É para min unha honra poder acompañarvos hoxe como pregoeiro nesta XV edición, desta fermosa festa; se vos son sincero, creo que o único mérito que teño para encomendarme este pregón é o de compartir a paixón pola música co voso tenente de Alcalde e bo amigo Roberto Castro. Ese condicionante, xunto coa miña participación nesta festa da Cereixa dende a primeira edición, á que asisto convidado por Lucita, a nai de meu cuñado, fixeron que non puidese negarme a este cometido.

E aquí estou, nun día extraordinario, nun lugar inmellorable e moi ben acompañado con boa xente e uns produtos únicos.  Para todos vós, tamén para min, este delicioso froito vermello que anualmente nos convoca ten un significado maiúsculo. Para Ribas de Sil esta festa de exaltación supuxo sempre e sigue a ser un escaparate excelente das riquezas gastronómicas que atesoura este fermosa terra. Hoxe aquí temos unha boa mostra de moitos deses produtos que son os nosos embaixadores non só  en Galicia, senón máis alá das nosas fronteiras. Un claro exemplo: o voso aceite está xa nas mesas de países tan afastados como Finlandia ou Rusia.

A marmelada de cereixa, esa delicatessen que toma corpo en Peites, en Figueiredo, en Piñeira ou en Casares, ocupa xa un sitio destacado en mercados fóra do noso país. Sen dubida, a forza dos nosos produtos é tan forte que supera todas as distancias xeográficas.

O pan, a empanada, os figos secos, que tras retirar das figueiras con tanta dedicación rematan o seu proceso de maduración nos vosos tellados, o mel ou as castañas forman parte dese conxunto de produtos da terra que son venerados nos mercados internacionais. O mesmo que ocorre cos nosos viños, cuxa estela surca desde hai anos os mares de medio mundo.

É por todo ese potencial polo que vos convido a seguir apostando por uns produtos de calidade capaces de conquistar os padais máis selectos. Só mantendo ese nivel de esixencia podemos ofrecer o mellor desta terra, falemos de gastronomía ou de turismo.
Desde o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra estamos inmersos nun profundo traballo co fin de espallar toda a riqueza que posuímos, tendo en conta a calidade que ofrecemos e que somos un lugar único no mundo. E vós, desde Ribas de Sil, contribuídes todos os días do ano, e hoxe de modo particular neste obxectivo común que debe guiar a acción conxunta de todos os Concellos que formamos parte.

Anímovos a traballar arreo por seguir acadando valor engadido para todos estes produtos, por avanzar na súa comercialización sen perder de vista a calidade e o mimo con que tratades ás cereixas, o corazón vermello que envolve Ribas de Sil. Son moitos os produtores que recordan hai pouco máis dun cuarto de século a chegada de camións para levar o froito ata as empresas envasadoras. Non en van unha moi importante superficie forestal deste termo municipal está dedicada ao cultivo de cerdeiras e oliveiras.

As posibilidades de futuro poden vir da man da transformación artesanal sen esquecer nunca a calidade do produto e o seu coidado. Tamén da aposta por novos investimentos ou da colaboración entre produtores a través de fórmulas como as cooperativas.
A vosa colleita nos últimos anos non foi allea ás inclemencias meteorolóxicas, algo que tamén sufrimos os produtores de viño, e que ten afectado ao sector de xeito voraz. Pero iso non ten que ser unha traba, hai que reporse e seguir adiante. Temos que manter o compás que converte a Ribas de Sil nun altofalante máis da calidade e dos luxos que se poden atopar na Ribeira Sacra.

O voso produto estrela, o buque insignia que florece nos centos de cerdeiras plantadas aquí, ao igual que o aceite que elaborades a partir de oliveirais centenarios debe seguir sendo un dos nosos embaixadores polo mundo. Están tan enraizados a esta terra coma vós e a súa sensibilidade, especialmente durante a floración, obrigan a un coidado delicado, ao que sempre vos entregastes con empeño.

O voso traballo, xunto con esta terra e este clima, que nos obriga a estar pendentes do ceo, conseguen que a cereixa de Ribas de Sil entre polos ollos antes de chegar ao padal. E o seu sabor especial, carnoso e doce, converten as vosas cereixas nun auténtico manxar que conquista a quen o proba.

Hoxe de modo particular, ninguén pode pasar sen desfrutar dos vosos produtos é o momento de degustalos, ou de levalos para compartilos, como unha forma de que estas delicias sigan traspasando fronteiras e sexan, como as nosas paisaxes ou o noso viño, un dos símbolos da Ribeira Sacra.

Falar de Ribas do Sil é falar de Ribeira Sacra, e resulta sempre sumamente arriscado xa que, sen querer,  pode un esquecer algo ou moito, por un lado resulta moi difícil captar e transmitir tanta beleza, e sen dubida imposible facer chegar coa palabra, toda a impoñente grandiosidade e o feitizo dun lugar cheo de sorpresas, encanto, maxia e un infinito mundo de sensacións diferentes. Todo o territorio de Ribas do Sil, está cheo de lugares axeitados para devagar, para soñar, para perderse polos variados roteiros que cada un de nos pode emprender. Recoméndovos que aproveitedes o tempo para camiñar entre cerdeiras, oliveiras, vides, Carballos, Castaños,Bidueiros,..... sempre coa referencia maxestuosa do rei dos ríos,  o Sil, que baña e nutre o Val de Quiroga e que quixo facer dúas obras de arte o seu paso por Ribas do Sil; esta fermosa Praia fluvial de San Clodio e o meandro da Cubela, un dos máis impresionantes e espectaculares rincóns da nosa Ribeira Sacra.

 De Ribas do Sil poderíamos estar falando horas e horas….. Os mosteiros de San Clodio e Torbeo, o tren, a ponte de Eifel, a bruxa Filomena Arias, o Batanero, un número,  o 22654… moita historia e moitas historias. O que si non podo deixar de citar é a música, e falar de música aquí é falar da Banda de Musica folk de Ribas do Sil; un símbolo musical da Ribeira Sacra que vai camiño dos 20 anos de vida, que nos fixo desfrutar da boa musica en innumerables ocasións e que desexo e espero que nos faga desfrutar moitos mais anos. Grazas por ese impagable traballo Roberto.

Hai que ir rematando pero, non o debo facer sen lembrar moitas das propiedades das cereixas, entre elas: axudan a  controlar o peso, reducen os ataques de gota,axudan a durmir máis e mellor, reducen o risco de cáncer, evitan o envellecemento da pel e sempre se dixo que o seu consumo melloraba a vida sexual. Eu sei de máis dun e dunha que se fartan moitos días de cereixas e din que non notan nada. O certo segundo estudos médicos, é que os seus pigmentos escuros (antocianos) reducen o risco de disfunción eréctil nos homes e melloran a resposta sexual en homes e mulleres. Pero como se trata de froita de tempada, eu recomendo desfrutar das cereixas na primavera, aproveitar as súas propiedades, pero non esquecer que o ano ten 12 meses, e nos meses que non hai cereixas, tamén hai vida.

Reitérovos o agradecemento, en particular ao voso alcalde e ao voso tenente de Alcalde, polo convite para ofrecer este pregón; quixen ser breve por que o principal motivo da xornada de hoxe sen dubida é a FESTA, polo tanto desfrutemos da festa, das cereixas, do aceite, da música… En definitiva, desfrutemos hoxe de Ribas do Sil.
 
 
 

 
 
Historia do Concello
  Historia
  Patrimonio
  Medio Natural
  Lendas
  Situación
Concello de Sober
  Alcaldía
  Corporación Municipal
  Normativa Municipal
  Secretaría
  Contacto
Servizos do Concello
  Enlaces
  Axenda
  Télefonos
  Transporte Público
Oficina de Turismo
  Rutas
  Aloxamentos
  Festas
  Miradores turísticos Qcalidad
  Galería Fotográfica
Novas do Concello
As Nosas Parroquias
O Viño e Adegas
  O Viño
  Adegas
Nota Legal · Política de Privacidade · Política de Cookies
CONCELLO DE SOBER · RIBEIRA SACRA · AYUNTAMIENTO DE SOBER
Praza Campo da Feira s/n · 27460 · Sober · Lugo · 982 46 00 01 · 982 46 00 05
PO FSE Galicia 2014 -2020
"Invierte en tu Futuro"
Uni?n Europea
Publicado el 18 de Nov. de 2020
Feder Galicia
 
Feder Galicia
 
Moves

prodesin.com