|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER CONTINÚA RENOVANDO AS MARQUESIÑAS DO MUNICIPIO
O Goberno local do Concello de Sober continúa cos traballos de renovación e ampliación das marquesiñas do municipio. A renovación das estruturas foi executada polos traballadores do módulo de carpintería do Obradoiro de Emprego concedido pola Xunta de Galicia que Sober comparte cos Concellos de O Saviñao e Pantón.
Nesta ocasión procedeuse a construción e colocación de marquesiñas dos lugares de Naz (en San Martiño de Anllo), A Cruz (en Rosende), A Burdalla (en Anllo Santo Estevo), Froxán (en Proendos), A Regueira (en Barantes), Cantón (en Amandi) e Ceceda (en Doade).
O alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, amosouse moi satisfeito destas actuacións e precisou que “as marquesiñas foron instaladas tendo en conta criterios como o lugar, o estado da anterior cuberta e os usuarios”. O rexedor avanzou ademais que “todas elas están adaptadas para cadeiras de rodas e foron elaboradas con madeira tratada para exteriores”.
Máis de 30 marquesiñas renovadas nos últimos anos
Guitián puxo en valor a importancia destas obras “coas que se mellora notablemente a imaxe do lugar e dáse un mellor servizo para o transporte escolar e para o servizo de autobuses”.
Recordou que “xa son máis de 30 as marquesiñas de madeira colocadas nos últimos tres anos no municipio”, nalgún caso son novas colocacións e noutros a renovación das antigas estruturas de chapa ou plástico”.
O alcalde tamén avanzou que co próximo obradoiro “está previsto seguir ampliando e renovando marquesiñas para o uso desfrute dos nosos veciños e veciñas”.
|
|
|
|
|
|