|
|
NOVAS |
GUITIÁN LAMENTA QUE BESTEIRO NON APROVEITARA A SÚA VISITA A SOBER PARA COMPROBAR O LAMENTABLE ESTADO DAS ESTRADAS DA DEPUTACIÓN
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, lamenta que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, non aproveitara a súa visita á localidade para comprobar “o lamentable estado no que se atopan as estradas de titularidade provincial”. O rexedor ten convidado en numerosas ocasións ao máximo responsable da Deputación a achegarse a Sober para poder ver in situ que as estradas que comunican cos principais recursos turísticos da localidade se atopan “totalmente impracticables”.
“Se de verdade queren apoiar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade o primeiro que teñen que facer é coidar os accesos aos nosos recursos turísticos”, explica Guitián.
En concreto, as estradas que precisan dunha actuación urxente son as que van de Sober a Gundivós e de Sober a Doade desde As Gándaras. Tamén precisan dunha reparación con carácter inmediato os viais que van de Canabal a Anllo por Rosende ou a das Gándaras a Chanteiro.
O alcalde recórdalle ao presidente da Deputación que lle ten comunicado por diferentes vías e en múltiples ocasións a existencia das queixas de veciños e visitantes nas que advirten dunhas estradas de titularidade provincial nun estado deplorable, cheas de maleza, coa capa de rodadura absolutamente levantada en moitos tramos e con infinidade de fochancas de considerable tamaño.
Falta de respecto institucional
O rexedor considera ademais unha falta de respecto institucional que Besteiro se achegase hoxe supervisar unhas obras á localidade sen telo convidado nin terlle comunicado a visita con antelación.
|
|
|
|
|
|